Declarado nulo o despedimento dunha traballadora de Mercadona en Carballo por ser unha "discriminación por razón de enfermidade"

O xulgado do Social nº1 da Coruña vén de declarar nulo o despedimento dunha traballadora do Mercadona de Carballo ao considerar que a decisión da empresa constitúe unha discriminación por razón de enfermidade. Segundo informa a CIGA, a sentenza condena a compañía de distribución alimentaria a readmitir a traballadora nas mesmas condicións que tiña e a pagarlle os salarios deixados de percibir neste tempo, así como a abonarlle unha indemnización por danos e prexuízos por vulneración dos seus dereitos fundamentais.
Tras coñecer esta sentenza, a sección sindical da CIG na provincia da Coruña acordou convocar unha concentración o luns 10 de marzo, de 12 a 13h, diante do Mercadona de Carballo, coincidindo co día no que a traballadora se reincorpora ao seu posto. Coa protesta quérese trasladar a solidariedade coa traballadora e denunciar "a persecución e discriminación, por parte da empresa, ás persoas que enferman e ás que reivindican os seus dereitos".
"Mercadona recolle información protexida das persoas que están de baixa"
A CIG denuncia que durante o xuízo quedou acreditado que Mercadona "utiliza formularios que traslada ás encargadas/os-responsábeis de tenda para recoller determinada información sobre as traballadoras e traballadores que están en situación de baixa médica de longa duración, incluíndo as previsións de reincorporación". Tamén, que "existen formularios que estas coordinadoras deben cumprimentar das baixas denominadas “KO” –aquelas coas que non están de acordo nin as coordinadoras nin o médica/o da empresa- que se utilizan para estabelecer estratexias co persoal enfermo, como a retirada do complemento de IT recollido no convenio colectivo ou incluso futuros despedimentos".
Recoller esta información por parte da empresa, sinala a sentenza, “ademais de poder vulnerar certos dereitos fundamentais á intimidade e saúde e o dereito á protección de datos”, supón que a empresa teña coñecemento de datos sobre a enfermidade ou a duración da IT que están protexidos e que de feito non se reflicten no parte da baixa que chega á empresa. Esta información, que ademais se pode conseguir por terceiras vías -preguntando a compañeiras/os, por exemplo- “vulnera non só o dereito fundamental á integridade física, senón o dereito fundamental á intimidade persoal”.
A esta resolución condenatoria hai que sumar dúas sentenzas máis gañadas nas últimas semanas por dous traballadores de tendas de Ourense (A Valenzá e As Lagoas) por vulneración da súa liberade sindical. Nestas, recoñécese o dereito de ambos traballadores a percibir a prima anual que lles quitaron inxustamente, condénase a empresa a abonarlles estas primas que deixaron de percibir, a indemnizalos por danos morais e instase a Mercadona a que cese na súa conduta antisindical contra a CIG.