Día dos Humidais: un berro por Baldaio
Este 2 de febreiro foi o Día Mundial dos Humedais. E por Carballo quixeron lembrar a necesidade de protexer o espazo natural de Baldaio. Lembraron que o ano pasado por estas datas a zona quedaba absolutamente anegada polo taponamento da canle que comunica a lagoa co mar.
Onte, coincidindo coa simbólica data, Evencio Ferrero e o Concelleiro Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha das visitas periódicas do goberno municipal para facer un seguimento permanente da situación.
Se ben a canle segue aberta (trala modificación do seu curso que crea un gran meandro na súa desembocadura), mantendo a comunicación entre a lagoa e o mar, o alcalde aproveitou para enviar unhas imaxes actualizadas da zona á Demarcación de Costas, para evitar que se repita a situación do ano pasado.
Pediron así que se manteñan a vixilancia sobre este espazo natural tan singular.
Evencio e Lamas na canle aberta entre o mar e a lagoa de Baldaio
Obras na rúa Perú
Unha vez rematadas case por completo as obras da rúa Bos Aires, a empresa Vázquez y Reino trasladou os seus equipos á paralela rúa Perú, unha das rúas con maior tráfico. O proxecto da rúa Perú desenvolverase entre a rotonda do cruce coas rúas Ponte e Poñente, por un lado, e a rúa Ourense, por outro. Serán 150 metros lineais nos que se procederá a eliminar as tubaxes de fibrocemento, ademais de separar as canalizacións de augas pluviais e residuais, soterrar os tendidos e implantar novos servizos. As obras, que foron adxudicadas por 188.266,01 euros, inclúen tamén o acondicionamento das beirarrúas e dos carrís de circulación, así como de dúas “isletas” para facilitar as incorporacións ás rúas Estrela e Chile.
Debido á execución dos traballos está cortado un dos carrís de circulación.