Martes. 23.04.2024
El tiempo

O documental sobre Brandomil para a última sesión do Galidoc

Documental Brandomil no Casino
O documental sobre Brandomil para a última sesión do Galidoc

Inmellorable peche para esta III edición do Galidoc, o ciclo de cinema documental galego do Casino1889. Este sábado 29 de xaneiro pecha ás 19:00h coa presentación do documental “Camiño Xacobeo. Santiago - Muxía por Brandomil” (2021), dirixida por Manuel Rial Santos.

Esta produción da Fundación Brandomil é a continuación do proxecto “Brandomil, vila romana a carón do Xallas”, documental dirixido tamén por Manuel, que naceu para dar a coñecer esta aldea de Zas, gran tesouro do mundo romano galego. No Casino xa puideron ver esta proxección a principios de 2020 da man dos seus creadores.

Nesta segunda parte, a xornalista carballesa Paula Vázquez (que tamén formou parte da familia QPC) métese no papel de peregrina para percorrer o Camiño de Santiago a Moraime por Brandomil, atopándose diferentes persoas que lle contan historias sobre a nosa historia, unidas pola ponte de Brandomil, a única para cruzar o río Xallas durante moitos séculos, desde os tempos do Imperio Romano.

Manuel Rial Paula Vazquez e Pablo Alvite creadores do documental Brandomil no Casino
O vimiancés Manuel Rial, a carballesa Paula Vázquez e o zaseiro Pablo Alvite son os creadores deste documental sobre Brandomil

Manuel Rial Santos (Vimianzo) é un comunicador nato do patrimonio, licenciado en xornalismo, con especialidade audiovisual, e mestre en Servizos Culturais pola Universidade de Santiago de Compostela. Tralo seu paso por diferentes medios de comunicación, encamiñou a súa carreira profesional cara ao mundo da interpretación e xestión do patrimonio desenvolvendo diferentes proxectos para institucións públicas e privadas, nomeadamente no Museo do Pobo Galego e no Concello de Vimianzo, onde foi técnico de patrimonio. Actualmente é técnico de proxectos en TRIVIUM.

No coloquio participarán Pablo Alvite (realizador do documental) e Tania Carreira (responsable de comunicación da Fundación Brandomil).

A entrada é gratuíta e o aforo é limitado, cubríndose por orde de chegada. As portas abriranse 30 minutos antes da sesión. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no enderezo [email protected] indicando nome, apelidos e número de teléfono de contacto.

Novas relacionadas

Comentarios