O programa APEGO achega de novo a Carballo 8 xornadas para que as crianzas medren en galego

Carballo, concello que exerce a presidencia da Rede Alingua, volve poñer en marcha o programa Apego. Xa son máis de 350 familias que participan nas actividades de normalización formuladas para as crianzas máis miúdas e que valoran que “Medrar con Apego significa medrar en galego”, como destacou a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret.

As actividades do último cuatrimestre deste 2025 comezan este mércores 18 cun circuíto de seguridade viaria para nenos e nenas de ata 6 anos de idade, na planta alta do mercado municipal.
Desde o circuíto de seguridade viaria do próximo mércores ata a Foliadiña de Nadal, que pechará a programación o venres 26 de decembro, haberá actividades “moi variadas”, desde un obradoiro de masaxes ata un paseo polos xardíns de outono, contacontos e mesmo unha actividade científica para peques en colaboración coa UDC. En definitiva, unha proposta moi completa para as crianzas de 0 a 6 anos e as súas familias, que poderán inscribirse a través desta mesma páxina. Podedes descargar o folleto máis abaixo.