Un domingo de emocións para a familia de Un Paso Máis
![Nadal en Pasenino](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2024/12/24/2024122410131973469.jpg)
A Antiga Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa de Carballo, converteuse este domingo no escenario dun intenso e emotivo día para a Agrupación Un Paso Máis. Desde primeiras horas da tarde, sucedéronse distintas actividades que reuniron ás familias e socios da entidade nun ambiente cargado de participación e celebración.
A xornada deu comezo coa Asemblea Extraordinaria de Socios, convocada para actualizar os Estatutos da Agrupación, seguida da Asemblea Ordinaria, onde se expuxeron as principais novidades e actividades desenvolvidas ao longo deste ano. Ademais, presentouse a programación para o próximo exercicio, así como o balance económico do ano. Durante esta sesión, formalizouse a creación da Comisión de Ética e Transparencia, un órgano independente que actuará como consultor e garante do bo funcionamento interno da entidade.
Tamén se comunicaron cambios na Executiva, coa incorporación de Vanessa Cabeza como nova tesoureira e Isabelle Carracedo como nova vogal.
O momento máis esperado chegou co acto de recoñecemento aos socios e socias que destacaron pola súa dedicación ao longo de 2024. Manuel Cantelar Varela, fundador e presidente da agrupación durante máis dunha década, foi nomeado "Socio de Honra" como mostra de agradecemento pola súa implicación incansable e compromiso sen fisuras. Tamén recibiron homenaxes Laura García, orientadora escolar; Sabina Facal, mestra de Pedagoxía Terapéutica; e María Veiga, mestra de Educación Infantil, pola súa destacada labor e contribución ao proxecto de Un Paso Máis.
Para pechar a xornada, celebrouse unha entrañable Festa de Nadal. Papá Noel fixo unha visita sorpresa, cargado de agasallos para os máis pequenos da agrupación. As familias desfrutaron dunha merenda que se prolongou ata ben entrada a tarde, creando un ambiente festivo e familiar.
Esta foi a penúltima actividade de Un Paso Máis neste 2024. Aínda queda por celebrar o Espazo de Xogos en Familia, que comezará o vindeiro 26 de decembro en O Recreo Animación, en Carballo.