Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Dous carballeses condenados, tras ser detidos, a pagar unha multa de 360 e 480€ por incumprir repetidamente o confinamento

Dous carballeses condenados, tras ser detidos, a pagar unha multa de 360 e 480€ por incumprir repetidamente o confinamento

Se ben o 99% da poboación da Costa da Morte está dando un exemplo de cidadanía mantendo en boa medida as normas de confinamento, sempre hai excepcións. Como a destes dous carballeses, que veñen de ser condenados polo Xulgado de Instrución número 3 de Carballo, en funcións de garda, a sendas multas por desobediencia grave ao incumprir o confinamento.

O primeiro amosouse conforme a pagar 360€ por incumprir o estado de alarma, pero reincidiu pois acodiu en varias ocasións os días 27 e 28 de marzo ao Cuartel da Garda Civil de Carallo para esixir a devolución dun can que non era da súa propiedade. O día 28 os axentes advertíronlle, do mesmo xeito que o día anterior, que debía de abandonar o lugar porque outra vez incumpría o estado de alarma, pero fixo caso omiso, polo que foi detido e posto a disposición xudicial.

Tamén aceptou a multa, esta de 480€, outro veciño da vila, despois de ser sorprendido o pasado pasado 24 de marzo, arredor das 9:00h, apoiado nunha parede do Centro Comercial Bergantiños fumando un cigarro na vía pública, a pesar de que xa fora advertido o día anterior por axentes da Garda Civil de que debía permanecer no seu domicilio.
Ao reincidir, o acusado foi identificado polos funcionarios, os cales o sancionaron administrativamente e o cominaron a volver á súa casa. O sospeitoso, con todo, negouse repetidamente, polo que foi arrestado e posto a disposición do xulgado de garda.

Comentarios