A eternamente necesaria circunvalación do polígono de Bértoa que conecte con Santiago
Fundamental será para o desenvolvemento do Polígono de Bértoa, a conexión coa capital galega e co sur de Galicia. A día de hoxe, un dos polígonos máis dinámico de Galicia, como demostran convocatoria tras convocatoria os datos de adxudicacións de parcelas por parte de Xestur, está conectado coa capital galega a través de vías urbanas. Atravesar a vila carballesa supón un grandísimo problema para o transporte das empresas, ademais de supoñer un perigo para a seguridade viaria do casco urbano.
De aí, que o BNG saíse esta fin de semana á rúa para apoiar ao empresariado bergantiñán na súa eterna demanda coa Xunta de Galicia. Unha circunvalación xa prometida en 2006, e da que se fixo algún traballo despois de que os Orzamentos da Xunta aló por 2013 incluísen unha partida, e un prazo de execución de 3 anos.
Foi un espellismo, e por iso empresarios, xunto do BNG carballés, piden que se salden as débedas con Carballo. Pediullo expresamente o alcalde carballés, Evencio Ferrero, ao presidente da Xunta no ano 2010, na única visita que fixo ao noso concello, para inaugurar o polígono industrial xestionado e impulsado polo Goberno Bipartito da Xunta. E volveullo pedir hai agora un ano, na primeira entrevista que lle concedeu Feijoo dende que é presidente da Xunta. A construción da variante figuraba no primeiro lugar das cinco únicas actuacións que Evencio Ferrero reclamou para Carballo e que continúan sen resposta.
A circunvalación sairía da rotonda de Bértoa e chegaría á estrada de Santiago, cunha saída na estrada de Ordes.