sábado. 07.12.2024
El tiempo

Unha exposición sobre as mulleres do mar abre o programa do 25N en Carballo

Angeles Mille coas concelleiras de Carballo
A presidenta da asociación de redeiras O Fieital de Malpica, Ángeles Millé, participou na inauguración da mostra coas concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez
Unha exposición sobre as mulleres do mar abre o programa do 25N en Carballo

Arrincou o completo programa do Día Internacional contra a Violencia de Xénero en Carballo. Fíxoo coa estrea dunha exposició de fotos sobre redeiras, percebeiras e mariscadoras das provincias da Coruña e Pontevedra. A mostra As mulleres da pesca: traballo invisible pero esencial, cedida pola Asociación Nacional das Mulleres da Pesca (Anmupesca), pode verse desde este xoves no posto exterior do mercado municipal situado na esquina da Praza do Concello.

A exposición estará aberta ata a ponte da Constitución. Aínda que non é preciso entrar no local para vela, as persoas interesadas en achegarse en detalle ao traballo das mulleres do mar poden dirixirse á conserxaría do mercado municipal (teléfono 663140455), así como centros escolares ou entidades que desexen visitala, xa que se trata dun recurso moi interesante para todas as idades.

PROGRAMA do 25N

cartel_25N_Carballo 2024

  • Familias: este venres, dentro da Escola de familias pola educación en igualdade, falarase sobre educación sexual. Esta actividade, aberta a familias con fillos e fillas de calquera idade, realizarase a partir das 17.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, con persoal técnico especializado. 
  • Infancia: para os nenos e nenas están previstas varias actividades. O sábado, en colaboración coa Deputación da Coruña, celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa (11.00 horas) un taller de personalización de roupa para rapazada de 7 a 11 anos. Cada neno/a deberá levar unha camiseta. As prazas son limitadas, e os/as interesados/as deben anotarse na propia biblioteca, chamando ao 981 758 580. E o luns teremos un contactontos de Raquel Queizás, Na túa man, para nenos/as a partir de 3 anos. Será ás 17.30 horas no mercado municipal, e as inscricións poden realizarse enviando unha solicitude a [email protected].
  • Mocidade: desde a Concellaría de Igualdade, que organiza os actos, ofréceselles aos centros de secundaria a posibilidade de impartir un obradoiro sobre Violencia de xénero e o novo contexto dixital e unha formación sobre violencia LGTBQ+.
  • Público adulto: para as persoas adultas están previstos un faladoiro sobre os recursos do Centro de Información ás Mulleres (CIM); un concerto de Abril (28 de novembro ás 20.30 horas, na Biblioteca Rego da Balsa), en colaboración coa asociación cultural Lumeira, e un cine-foro sobre a loita pola despenalización do aborto no Salvador (12 de decembro ás 19.30 horas na Bibilioteca Rego da Balsa), en colaboración coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz.
  • Toda a cidadanía: a concentración contra a violencia de xénero celebrarase o luns 25, ás 19.00 horas, diante da casa do concello, que a partir desa hora estará iluminada de cor morada.

Comentarios