O "Feirón en rede" descubrirá o papel que fan 13 entidades sociais en Carballo

AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas-Arroupa, Cruz Vermella, Érguete, Humana, Íntegro, Un paso máis e Vieiro.
Estas son as 13 entidades sociais participarán o domingo 30 de marzo no primeiro “Feirón en rede”, unha feira aberta a toda a cidadanía na que haberá obradoiros, música, ludoteca e moita información.
O obxectivo é poñer en valor o traballo destas entidades sen ánimo de lucro para o benestar da sociedade, axudando, principalmente, aos máis necesitados.
Así, aproveitando a Feira como escaparate, as entidades poderán difundir as súas actividades. E xunto a elas estarán en cadanseu posto o alumnado do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se celebra no Fórum Carballo.
Programa
A partir das 10.30 horas estarán abertos ao público un total de 14 postos que se situarán na Praza do Concello, no corredor paralelo á rúa Colón. As entidades participantes ofrecerán información, algunhas venderán distintos produtos e tamén realizarán os seguintes obradoiros.
- Taller de redes, organizado pola Fundación Érguete coa colaboración das redeiras de Corme.
- Taller de reciclaxe de plástico, a cargo da asociación Íntegro.
- Taller de macramé, ofrecido pola xunta local da Asociación Española contra o Cancro.
- Taller Fóra de foco, unha proposta de Vieiro para comprobar os efectos do consumo de alcohol e drogas.
- Taller de produtos comerciais con contido social, a cargo de Aspaber.
Próximas aos postos situaranse dúas carpas: unha máis pequena, que se utilizará como punto de encontro entre as entidades e as persoas que desexen recibir información dun xeito privado e confidencial, e outra máis grande que se converterá nunha ludoteca infantil con xogos e talleres específicos para peques. Tamén nos visitará a cafetaría sobre rodas de Cafés Lúa.
Na festa da solidariedade haberá músicae, a partir das 12.00 horas estará Brassica Rapa, unha brass band que lle dá unha volta ao concepto de música de rúa. Está formada integramente por mulleres, que tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada.
Máis novas das entidades sociais