Un fin de curso de praia e surf para a rapazada de Un Paso Máis

Segue traballando a asociación Un Paso Máis con ilusión por unha infancia máis feliz, activa e inclusiva. Esta semana, en colaboración con ENKI, a entidade carballesa quixo despedir o curso 2024-2025 dun xeito moi especial: trasladando a sesión habitual das actividades extraescolares dos martes dende o ximnasio do CEIP San Luis Romero ata a praia de Razo. A xornada, que encheu de ledicia ás nenas e nenos asistentes, repetirase tamén este venres para os grupos desa xornada, poñendo así o peche ao curso con aire libre, mar e moita diversión.
Pero as boas novas non rematan aquí. Esta semana, os nenos e nenas da entidade volven ao surf da man de PAÜA Surf. Debido ao incremento de inscricións, a actividade desdóbrase en dúas sesións: unha o xoves e outra o venres, permitindo así que todo o alumnado participante poida gozar dunha experiencia tan agardada.
Ademais, a excursión ás Illas Cíes, organizada por AGAFAN e prevista para o vindeiro 12 de xullo, pechou a inscrición con gran éxito. Desde Un Paso Máis facilitarán o desprazamento das familias asociadas cun autobús, reafirmando así o seu compromiso co acceso cómodo e inclusivo ás actividades.
Desde Un Paso Máis queremos expresar unha vez máis a súa satisfacción pola extraordinaria acollida que seguen a ter as súas propostas entre as familias socias. "Non só rematamos o curso cunha participación récord, senón que celebramos tamén que a familia Un Paso Máis continúa a medrar, superando máximos históricos de afiliación nos máis de dez anos de traxectoria da entidade", sinalan agradecidas.