xoves. 19.06.2025
El tiempo

A Galería Manolo Eirín estrea nova exposición

Galeria Manolo Eirin Carballo expo 1
A Galería Manolo Eirín estrea nova exposición

A Galería Manolo Eirín (Rúa Estrela 17-19, Carballo) inaugura este venres 20 de xuño, de 10:00h a 14:00h, a exposición colectiva "O futuro será prehistórico", unha mostra na que a madeira, o liño, o papel, a terra ou as fotografías analóxicas dentro dunha piscina toman o protagonismo para falarnos doutra forma de mirar o mundo, máis lenta, máis profunda e en certo xeito máis esencial. 

"Lonxe do ruído dixital e da multipantalla, esta exposición propón unha viaxe cara aos materiais que nos acompañaron desde sempre. Porque talvez o futuro non estea feito de algoritmos… senón de físgoas de memoria, obras e artistas miran cara atrás na mostra para imaxinar o que vén".

Galeria Manolo Eirin Carballo expo 3

Os ARTISTAS

Cinco artistas de longa e mediana traxectoria danse cita nesta mostra na que se reúnen pinturas, esculturas, fotografías e debuxos.

🔸 Pablo Maojo (1961, Villaviciosa) traballa a madeira coma se fose luz. As súas esculturas xogan cos ocos e sombras que parecen respirar.

🔸 Vari Caramés (1953, Ferrol) ensínanos que unha foto pode ser pura performance en movemento. Imaxes analóxicas, escuras, que capturan o cotián coma se fose un soño.

🔸 Peter Kramer (1959, Roskilde) é obsesivo e minucioso, debuxa centos de números, recorta dicionarios e fai nós ata convertelos en esculturas imposibles.

🔸 TUSET (1997, A Coruña) enterra lenzos durante un ano na antiga horta familiar e logo transfórmaos en mapas dun territorio ficticio, engadindo costuras de coiro, coma se fosen os restos dunha civilización futura.

🔸 Manolo Eirin (1967, Fisterra) utiliza o vinagre de óxido e as tinguiduras naturais sobre tecidos de liño locais recuperados, dando volume e forma aos materiais como contedores de memoria.

Galeria Manolo Eirin Carballo expo 4

Galeria Manolo Eirin Carballo expo 2

Comentarios