A Galería Manolo Eirín queda sen pintura

Este venres 28 de febreiro, a Galería Manolo Eirín (rúa Estrela, 17) estrea a partir das 17:00h unha nova mostra colectiva de tres artistas residentes en Galicia. Vítor Mejuto (1969, Barcelona), Ruth Vidal (1998, Pontevedra) e Ventura Pérez (1992, Vigo) achegan as súas obras e as maridan na exposición "run out of paint (quedarse sin pintura)”.
Segundo o propio galerista, “O título establece unha metáfora do proceso creativo, ese momento no que o material se esgota e o xesto xunto coa sensibilidade do autor chega ao seu límite. Os tres artistas, desde diferentes enfoques, exploran os límites e procesos da pintura contemporánea onde se cruzan nun mesmo plano as tensións entre superficie, perspectiva, ficción ou xesto”.

Os artistas
Ventura Pérez (1992, Vigo) traballa co óleo sobre lenzo como motor da ficción, onde a nostalxia e a arquitectura cobran vida en escenas que evocan o universo de Madelon Vriesendorp ao estilo de Urbano Lugrís. As súas composicións transforman edificios en personaxes con emocións propias, explorando a pintura como un campo de probas onde o imaxinario se rompe e se transforma en realidade.
Ruth Vidal (1998, Pontevedra), pola súa banda, indaga na materialidade do medio. A través de capas superpostas de tinta de serigrafía inflável, a súa obra oscila entre a ocultación e a revelación. Inspirado na abstracción de Rothko e no enfoque material de Anselm Kiefer, Vidal traduce as técnicas de gravado en pintura, xerando monocromos cunha dimensión íntima e enigmática.
Pola súa banda, Vítor Mejuto (1969, Barcelona) presenta unha investigación sobre a forma e a cor no seu estado máis esencial. Desde unha perspectiva xeométrica, as súas obras descompoñen a pintura en estruturas cromáticas onde a liña, a mancha e a composición dialogan nunha rigorosa síntese que remite tanto ao construtivismo como á autonomía cromática das formas.
