A música integradora do IES Isidro Parga Pondal, galardoado pola Fundación El Mundo del Superdotado

Momento no que a ilustre Pilar Gómez-Acevo Avedillo, conferenciante, escritora e profesora de escolas de negocios española, entrega o premio á Vanessa Lorenzo Uzal tras a charla previa que impartiu na I Xornada de altas capacidades

Somos fans dende hai tempo dos concertos de percusión da familia do IES Isidro Parga Pondal. E por nos iso nos alegra, e non nos sorprende o Premio da Fundación El Mundo del Superdotado polo seu proxecto "A música como ferramenta integradora". Unha iniciativa impulsada polo Departamento de Música que en colaboración con outros departamentos do centro utiliza a música como instrumento formador, integrador e transformador do ser humano, á par que desenvolve as potencialidades do alumnado.

Este pasado venres 3 de outubro, a profesora Vanessa Lorenzo Uzal, do Departamento de Música, acudiu en representación do instituto a recoller o galardón e presentar o proxecto ante o xurado.

Na súa exposición, destacou as numerosas actividades desenvolvidas durante o curso, entre elas: programas de radio emitidos en directo dende a aula de música e dende o Casino de Carballo, patios dinámicos, con obradoiros de baile galego, pandeireta, batería, radio entre outros, audicións musicais nos corredores e gravacións na aula, convertida nun auténtico estudo musical, contacontos musicais en centros de maiores, fomentando o vínculo interxeracional, o Concerto de Nadal, onde o alumnado interpreta unha historia ambientada musicalmente como eixe central da actuación e a Semana da Música, con obradoiros formativos e concertos de clausura.

Vanessa Lorenzo debullando todo o que fan na aula de música

O proxecto apóiase na implicación directa do alumnado, organizado en equipos de traballo que asumen diferentes responsabilidades e retos: son, imaxe, edición, guión, actores, audicións, loxística, decoración, carteleira ou prensa. Esta metodoloxía fomenta a creatividade, o traballo cooperativo e a autonomía persoal.

O premio supón un recoñecemento ao compromiso do IES Isidro Parga Pondal cunha educación integral que promove a excelencia para todo o alumnado co fin de desenvolver as súas potencialidades cognitivas, sociais(de inclusión e convivencia), emocionais e artísticas a través da música.

Máis novas do IES