Igualando Carballo dende os centros de ensino
Saíuse do 8 de marzo o Concello de Carballo para conmemorar o Día Internacional da Muller. De feito, unha das actividades principais do programa de igualdalde desenvolverase ao longo desta semana nos centros educativos. Arrinca así, e durará ata o mes de abril, unha serie de proxectos comúns para entender mellor o significado da data do 8 de marzo, e que esta non é unha loita dun só día.
Este luns 13 arrancarán dous proxectos. “Igualando Carballo”, que propón obradoiros nos centros educativos e un concurso para o alumnado de 4º de primaria. Ademais, na Biblioteca Rego da Balsa empezará a elaboración do mural feminino que coordinará a pintora Alejandra Martínez cun grupo de mulleres, e que servirá como base para a creación dun recuncho de literatura relacionada coa igualdade de xénero.
Esta primeira fase do proxecto de formación e reflexión completarase coa convocatoria do 1º concurso “A historia das mulleres do concello de Carballo”, dirixido ao alumnado de 4º de primaria para intentar que investigue sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso municipio. O obxectivo é que aprendan a valorar o papel que tiveron as mulleres na historia local, e para iso deberán elaborar unha historia de vida da muller que escollan, que pode ser familiar, veciña ou coñecida.Novas relacionadas
Fonte