As Letras Galegas saen ás rúas carballesas

Carballo celebra o día das Letras Galegas na rúa. Dentro da completa programación, a xornada do venres 17 de maio traerá con varias propostas destinadas a público adulto e familiar, que se desenvolverán entre a Praza do Concello e o Xardín Municipal.
A partir das 11:00h comezarán as gaitas da banda municipal co seu pasarrúas, e a apertura do Letras na Rúa no Xardín Municipal. A primeira actividade será co contacontos de Manuela Varela, que trae "As verbas de Luísa", Xardín Municipal
Espectáculo de narración oral no que se dá a coñecer a figura de Luísa Villalta, escritora e activista, homenaxeada o Día das Letras Galegas do 2024. Farase unha pequena revisión da súa biografía, no que xurdirán palabras relevantes da súa vida ás que se prestará especial atención.
Manuela Varela é actriz e narradora oral que artella espectáculos moi divertidos e dinámicos que educan e entreteñen a todos os públicos.
Ás 12:00h, concerto de Pablo Díaz, co seu Canta música, tamén no Xardín Municipal, no que conta con Olga Kirk para levar a música tradicional galega aos máis pequenos a través de bailes, xogos, canto e música no que participarán de forma activa, empregando instrumentos tradicionais.
Ás 13:00h, pecha a sesión co concerto da Banda de Música do Conservatorio na rúa Coruña, baixo a dirección de Javier Bardanca coa colaboración da Banda Municipal de Gaitas que dirixe Jesús Moreira, cun variado e entretido repertorio.