Luís Giadás repasa no Casino a historia dos Moscoso en Bergantiños
Este venres 8 de marzo, ás 20:00h, no Casino1889 de Carballo, Luis A. Giadás Álvarez ofrecerá unha interesante charla histórica da man do Instituto de Estudos Bergantiñáns. A conferencia trata sobre a Idade Media e Moderna en Bergantiños, para o cal utilizo como fío condutor a familia máis poderosa ao longo daquel periodo: Os Moscoso, Señores primeiro e despois Condes de Altamira. No seu brasón figuraba unha cabeza de lobo degolada amosando ferozmente os cairos e maila lingua. De aí o título da charla: “Os señores da cabeza de lobo”.
Claro que ben podería chamarse “Manual do perfecto trepa social”, como comprobarán os asistentes. En ton desenfadado, Giadás debullará toda a estratexia de arribismo que despregaron uns simples guerreiros locais para chegar, co decurso dos séculos, a converterse nunha das familias máis ricas e poderosas de España durante os S. XVIII e XIX.
Luis Antonio Giadás Alvarez (Sao Paulo, Brasil 1959), Historiador, profesor de ensino secundario no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Membro da directiva do IEB, Investigador, conferenciante e colaborador da prensa local. Autor do libro La vida política municipal en La Coruña: 1900-1931 (tese de licenciatura, Edicións do Castro, 1997) e coautor de varias publicacións relacionadas coa historia da comarca de Bergantiños como Cabana: análisise histórica e social (Concello de Cabana e Deputación da Coruña, 1995), Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento (Deputación da Coruña, 1998) ou dos Cadernos Andando por Bergantiños e dos libros O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños e Monte Neme, o Olimpo bergantiñán, editados polo IEB.