Luns. 29.04.2024
El tiempo

Melloras nos colexios de Carballo para o inicio do curso

No CEIP Fogar renováronse os bancos exteriores ademais doutras melloras realizadas no interior do centro
Melloras nos colexios de Carballo para o inicio do curso

A gran maioría dos concellos da bisbarra acometeron durante estes meses de vacacións diferentes melloras nos centros educativos co fin de mellorar os servizos. E un deles foi o de Carballo que vén de realizar varias obras dándolle así respostas ás demandas dos equipos directivos dos colexios.

Unha destas melloras acometidas foron os servizos hixiénicos das aulas de infantil do CEIP Nétoma-Razo, que evitarán que os nenos e nenas de menor idade teñan que subir á planta superior cada vez que precisan utilizalos, como sucedía ata agora. O alcalde, Evencio Ferrero, e as concelleiras de Educación e Cultura, Mar Eirís e Maruxa Suárez, achegáronse ata o centro para ver as melloras realizadas, ás que se suman o cambio de cuberta executado pola Consellería de Educación e a posta en marcha do comedor escolar, cun máximo de 30 prazas.

Alcalde e concelleiras visitaron tamén o CEIP Fogar, no que, neste caso grazas á colaboración entre o propio centro e o Concello de Carballo, o alumnado disporá este curso dunha aula de psicomotricidade máis ampla, unha cociña que estará aberta ao resto dos centros educativos do concello, e novos bancos nas zonas verdes exteriores. Desde o centro agradeceron especialmente o labor da brigada municipal de obras, que se encargou de tarefas como a instalación eléctrica ou a pintura.

Como todos os anos, desde a Concellaría de Educación aproveitouse o verán para a posta a punto dos colexios, segundo as necesidades presentadas polos equipos directivos. Tamén se acometeron as accións de desinfección, desinsectación e desratización en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga, que se realizan periodicamente ao longo de todo o curso. Outras actuacións iranse acometendo nos vindeiros meses, como o arranxo da nova biblioteca do CEIP Xesús San Luís Romero ou a instalación dunha marquesina na escola de Mirón-Bértoa.

Tamén está case a punto a reforma integral da antiga escola de Gontade, en Ardaña, que visitaron o alcalde e o concelleiro de Obras, Luis Lamas. O proxecto executouse seguindo as indicacións técnicas da Xunta de Galicia para o seu posible uso como centro de educación especial.

Programa Concilia
O luns 11 tamén empezará a funcionar o programa Concilia nos colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán, os únicos nos que se acadou o número mínimo de solicitudes precisas para ofrecer o servizo de madrugadores. A partir do martes 12 estará aberto o prazo para as familias que precisen utilizalo en días soltos.

Comentarios