O MercaEdillo do CCA regresa a Carballo con descontos de ata o 80%

Presentacion Merca e Dillo Carballo
O MercaEdillo do CCA regresa a Carballo con descontos de ata o 80%

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo arrinca o mes de setembro anunciando unha nova edición do MercaEdillo, un evento xa consolidado no calendario comercial local, que encherá de vida e oportunidades a zona do Rego da Balsa entre os días 12 e 14 de setembro.

Unha vez máis, coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, a través da Concellería de Promoción Económica, a vila converterase nun gran escaparate comercial ao aire libre no que os consumidores e consumidoras poderán atopar descontos moi atractivos de ata o 80% en téxtil, calzado, moda infantil, xoiería, deporte, xoguetería, complementos e alimentación.

Para a presidenta do CCA, Silvana Rama, “este tipo de accións son fundamentais para revitalizar o comercio local, ofrecendo á veciñanza a posibilidade de acceder a produtos a prezos reducidos, pero mantendo sempre a calidade e o trato próximo que nos caracteriza".
Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, cualificou o MercaEdillo como "unha oportunidade" para toda a veciñanza e felicitou ao CCA por ser quen de mantelo e mesmo amplialo en cada edición. "Non é doado reunir nun espazo vinte empresas máis as que participan nos propios comercios", sinalou.

Pequefeira

E o domingo 14, de 12 a 14 horas, volverán ao recinto feiral os e as peques da casa para participar na que será xa a III Pequefeira. A cativada volverá vivir a experiencia de ser comerciantes por unhas horas, vendendo os produtos que eles/as mesmos elaboren ou que recompilen nos seus fogares para vender a prezos inmellorables. 
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un mail cos seus datos de contacto (nome, apelidos, teléfono e idade) a info@ccacarballo.com

Horarios do MercaEdillo

• Venres 12: 17.00 a 21.00 horas
• Sábado 13: 10.00 a 14.00 h / 16.30 a 20.30 h
• Domingo 14: 10.00 a 14.00 h / 16.30 a 19.00 h

Establecementos participantes (Rego da Balsa):

A Fragua, Akira, Atelier, Atmósfera Sport, Benetton, DV Carballo, Lencería Mª José, Madeixalazos, Merliño Xoguetería, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, Óptica Cristina, Regalosyregalitos.com, Retoños, Sweet Spirit, Upa! Espazo Barefoot, Vessali, Zocas e Zuccaro.

Establecementos adheridos desde os seus locais:

Aloe Herboristería, Cenor, Confecciones San Juan, Doces Soños, D&A Complementos, Ekaté, Emiliano Moda, Floristería Taibo, Jorge Moda, Teirón e Zapatillería Isabel.

Comentarios