O FIOT abre a venda de entradas para o programa central
Se o xoves, 26 de setembro é a inauguración oficial (ás 20.30h no Pazo da Cultura), este luns, 23 de setembro, desde ás 10.00h, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, activa a venda das entradas para o público xeral para os espectáculos de Sala e OTNI da súa 33ª edición, que se desenvolverá entre o 26 de setembro e o 31 de outubro de 2024.
Poden atopalas dende fiot.gal ou en ataquilla.com.
"Agora é sempre"
Moitos dos espectáculos dos que o público poderá gozar este ano no FIOT remítennos a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. E desta reflexión agroma o lema desta edición: Agora é sempre.
Deste xeito, este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3.