A 33ª edición do FIOT ponse en marcha co regreso aos clásicos
O FIOT quenta motores e xa está todo en marcha para que do 26 de setembro ao 31 de outubro Carballo volva a ser un referente cultural coa 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro. E esta edición reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturgxs e directorxs tan celebradxs como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo - na que tamén se nomeará Xograr de Outono a Avelino González - achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal... do agora ao sempre.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Propostas de 1º nivel
Este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
Como avanza Alberto Sueiro, director do FIOT: “Pode que cambien os contextos, pero os temas que nos preocupan hoxe son os que o foron sempre, porque estes falan da humanidade. Así, neste FIOT, poñendo en valor os clásicos, obras inesgotables que permiten infinitas lecturas, seleccionamos propostas que se fixan en grandes autores de sempre que hoxe nos seguen interpelando”.
Presentación oficial
No acto de presentación desta 33ª edición, que tivo lugar onte á tarde no Pazo da Cultura de Carballo, participaron José López, Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Natividad González, Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís; Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo; Maruxa Suárez, Concelleira de Cultura e Festas de Carballo; Luciano Calvo, da Fundación Luís Calvo Sanz |; e Alberto Sueiro, Director do festival e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte.
Durante o evento, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou a Asociación Cultural Telón Aparte, organizadora do encontro, pola calidade da programación de 2024, na que revalida as características identificadoras dunha cita que -incidiu- “se atopa, por méritos propios, entre as máis importantes do sector non só na nosa comunidade, senón en todo o territorio español”. En concreto, subliñou o seu “papel como escaparate para destacadas estreas galegas, a presenza de moi interesantes propostas chegadas de fóra e a súa aposta pioneira por diferentes accións de captación e fidelización de públicos”. A Xunta de Galicia volve cofinanciar esta cita cunha subvención de máis de 50.000 euros a través da convocatoria de axudas para festivais profesionais de artes escénicas.
Para Natividade González, deputada provincial de Cultura, “o FIOT é un un evento que cada outono enche as rúas, prazas e o teatro da vila de Carballo co mellor das artes escénicas, por iso se converteu nun referente tanto en Galicia como a nivel estatal e internacional”, afirmou a deputada, quen defendeu “a obriga e o compromiso” do seu departamento “de apostar por este tipo de festivais e ofrecerlles apoio económico, imprescindible para o seu desenvolvemento e para achegar a mellor cultura á cidadanía”. “Pero as achegas por si solas”, engadiu, “non son suficientes: hai que materializalas en proxectos coma este, de programación rica e diversa, como corresponde a un festival con esta traxectoria”. Neste sentido recalcou que “o FIOT é moito máis que un festival; é unha celebración da arte e da creatividade que nos une ao redor do teatro; é un encontro anual onde Carballo se transforma nun escenario vivo, nun espazo onde se respira teatro en cada recuncho e onde o público, as compañías e os artistas se funden nunha experiencia única”.
“Ao longo destes anos”, rematou, “o FIOT consolidouse grazas ao esforzo colectivo, á paixón dos organizadores, por iso quero parabenizar a Asociación Cultural Telón e Aparte e desexarlle moito éxito este ano e que siga sumando edicións, formando públicos e achegando as artes escénicas a toda a sociedade”.
Se queres ver o programa completo preme aquí.