Mulleres vítimas de violencia de xénero asistiron a un obradoiro sobre aplicacións móbiles en Carballo


Fundamental o Obradoiro organizado polo Centro de Información á Muller (CIM), en colaboración coas forzas e corpos de seguridade de Carballo. Un obradoiro sobre “Aplicacións móbiles para mulleres que sofren violencia de xénero”, no que participaron mulleres que contan ou contaron nalgún momento con medidas de protección.
O responsable da oficina de atención a vítimas de violencia de xénero da Garda Civil de Carballo explicou ás participantes os distintos recursos que teñen á súa disposición a través das novas tecnoloxías con información sobre a violencia de xénero, como interpoñer unha denuncia, cales son os seus dereitos ou como acceder a sistemas de xeolocalización no caso de que os precisen. As persoas que necesiten asesoramento sobre cuestións relacionadas coa violencia de xénero poden dirixirse ao CIM, situado no antigo ambulatorio, de 9.30 a 13.30 horas, de luns a venres, ou chamar aos teléfonos 981700688 ou 638123460.
Premios culturais escolares

Tras cinco intensos, divertidos e proveitosos días de obradoiros, exposicións e tardes de contos e maxia, Carballo clausuraba a XIII Semana do Libro e da Lectura, unha iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e o Concello de Carballo. Fixémolo nun Pazo concorridísmo, nun acto no que participaron Carmen Vilariño, representante da ASPG, e o alcalde, Evencio Ferrero.
“Tedes que ler moito”, convidou o alcalde aos cativos, “nos libros están as cousas máis bonitas que podedes aprender. Lede moito, aprendede moito e estudade moito, e facede caso do que vos digan na casa para ser máis listos e, sobre todo, para ser mellores compañeiros”.
Houbo tanta calidade nas obras que presentaron os colexios, que todos levarán ás súas bibliotecas un lote de libros como merecido agasallo. O concurso estivo moi igualado, polo que o xurado decidiu que compartisen o Premio ao Mellor Traballo o CEIP San Luís Romero e o CRA Ponte da Pedra.
Fonte
- Concello de Carballo.