De Ninghures enche esta semana o Verán Cultural carballés

Nesta penúltima semana de xullo a programación do Verán Cultural de Carballo –que un ano máis ten a arela de encher as tardes e noites do estío con citas imprescindibles entre o 9 de xullo e o 22 de agosto– céntrase na música de raíz cunha das bandas referentes na rica escena do folk galego actual: De Ninghures.
O xoves 24, a partir das 22:30h, véspera do día grande de Galicia, é a quenda dun grupo que fai música cos pés na terra e os brazos abertos. De Ninghures mesturan mestría musical e unha actitude desenfadada que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. En 2022 publicaron Aquí o seu primeiro álbum e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois - coma o coñecido Morena - presentan en Carballo traballo e espectáculo novo: FEIRA.
A banda, que conta cun membro bergantiñán como é Hadrián García, acaba de recibir, ademais, o Premio Martin Códax 2025 na categoría folk.