Venres. 19.04.2024
El tiempo

A nova edición do Rexenera Fest centrarase no barrio da Lagoa

Rexenera Fest Carballo cartel 2023
A nova edición do Rexenera Fest centrarase no barrio da Lagoa

Xa está aquí o Rexenera Fest. Do 1 ao 11 de xuño 5 artistas urbanos ampliarán coas súas obras o museo aberto de Carballo. E desta volta, concentración a activiadade artística no barrio máis antigo da nosa vila: A Lagoa. As rúas Túnel, Carpinteiros e Oriente, recibirán 5 obras de arte, e haberá unha sexta no IES Parga Pondal, na outra punta do mapa urbano, que tamén será escenario dun taller de muralismo para un grupo de estudantes do centro.

Alegría del Prazo (rúa Sol 33 / rúa Carpinteiros) é un dúo creativo hispano-mexicano formado por Octavio Alegría e Ester del Prado. O seu imaxinario móvese nun fino equilibro entre a figuración e o naturalismo, un estilo cargado de detalles cun matiz surrealista moi persoal, creando mundos oníricos que se enraízan a unha natureza chea de simbolismos. Co debuxo combinan os seus coñecementos de gravado para crear outro tipo de linguaxes. 

MAZ (Rúa Oriente, 1) é, sen dúbida, unha das figuras máis activas e interesantes do panorama da arte urbana galega e estatal. Coa intención de darlle visibilidade a problemáticas e contradicións que teñen lugar no espazo público, afonda en temas como o animalismo, a sustentabilidade ou a vida en sociedade dende o optimismo, o humor critico e a retranca, sen pedir perdón nin permiso a ninguén. 

Alberto Montes (rúa Túnel) é un pintor e muralista sevillano cuxa obra se caracteriza pola investigación plástica a través da concepción da paisaxe, movéndose comodamente entre a figuración e a abstracción. A súa é unha proposta creativa que incita á pausa, á contemplación e á reflexión.

Susana Blasco, tamén coñecida como Descalza (Rúa Oriente, 12), é deseñadora gráfica, ilustradora, afiadora de coitelas, amante de pedras, papeis e tesoiras, e moitas cousas máis! Esta zaragozana é especialista na arte do collage, en levar esta disciplina ao formato mural, e unha dos principais referentes desta técnica en España, cunha longa experiencia e traxectoria. 

Iota (rúa Oriente, 23) é unha artista belga con base en Bruxelas, que se move con comodidade entre a arte mural, a pintura e o debuxo. A súa obra actual atopa a súa inspiración entre a pintura clásica figurativa e a art nouveau. Traballa na representación da alma humana en todas as súas complexas formas, mesturando corpos, texturas e materiais para introducirnos nun mundo onde o inconsciente se funde coa realidade e modélaa ata o infinito. 

Elena González, ou Ele Zissou (IES Parga Pondal), é unha ilustradora e muralista de Salamanca. A súa obra inspírase na natureza, a infancia, a arte que ama e as series de animación e o cinema que sempre admirou. A súa obra destaca polo uso dunha paleta limitada de cores planas e vivas que distribúe de xeito sensible e equilibrado en todas as súas composicións e unha sofisticada síntese e estilización de formas, xerando o seu propio universo máxico cheo de personaxes coloridos e divertidos.

Actividades paralelas

Coma sempre, ademais das creacións haberá outras actividades como o taller de muralismo para estudantes que se desenvolverá no IES Parga Pondal, ademais de:

  • Xogos de pistas para familias: do 1 ao 11 de xuño, para todos os públicos e con inscrición de balde en [email protected] ou no teléfono 981 702 077. Recolle as primeiras pistas no Museo de Bergantiños e acada o teu premio!
  • Ruta guiada: 11 de xuño ás 12.00 horas. Actividade para todos os públicos con inscrición de balde en [email protected] ou no teléfono 981 702 077. Saída dende o Museo de Bergantiños.
  • Concerto: 9 de xuño, con Dios Ke Te Crew e Familia Caamagno. Para non perder!

Todo o demais que queiras saber, en www.rexenerafest.gal

Comentarios