Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Novo panel informativo sobre a riqueza medioambiental de Baldaio

panel informativo en baldaio_7
O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira Maruxa Suárez estrearon o panel
Novo panel informativo sobre a riqueza medioambiental de Baldaio

Aproveitando a xornada de iniciación á ornitoloxía que se levou a cabo dentro do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, este mércores quedou inaugurado o primeiro dunha serie de paneis e outros elementos físicos que contribuirán á divulgación da riqueza medioambiental, histórica e turística do litoral carballés.
O soporte está situado xunto ao sendeiro peonil de Baldaio, entre a caseta de observación de aves e a ponte. Trátase dun taboleiro de grandes dimensións dividido en tres panos. Un deles inclúe información sobre usos e aproveitamentos que conviven historicamente no espazo natural, como o marisqueo ou o surf; así como dúas propostas de rutas, con toda a información sobre distancias, duración, dificultade e recursos dispoñibles ao longo dos percorridos, e un apartado histórico que lembra a gran loita veciñal que fixo posible a fin da concesión do ano 1948 e a recuperación do espazo público.

Noutro dos panos ofrécese información sobre as especies máis representativas, tanto da fauna coma de flora, que poden atoparse no espazo natural de Baldaio, cun apartado dedicado ás aves e outro, máis concreto, á píllara das dunas, unha xoia que cría nos nosos areais e que, pouco a pouco, grazas a unha conciencia social cada vez maior sobre a súa importancia, vaise recuperando. De feito, este ano agárdase bater un récord na poboación de polos volantóns.

panel informativo en baldaio_7
O panel inaugurouse aproveitando a xornada coordinada polo colectivo naturalista Hábitat

Tamén estará dispoñible en breve o novo panel do miradoiro de Sambade, que será o próximo elemento divulgativo que se instalará no litoral carballés.

Comentarios