![pleno-carballo]()
Imaxe de arquivo dun pleno celebrado no pasado inverno en Carballo
O pleno municipal celebrado o pasado luns en Carballo reixeitou - cos votos en contra do BNG - unha moción do PP na que instaba ao concello da Coruña a
facilitar a entrada dos buses interubanos ao centro da cidade coruñesa. Por este motivo, o grupo municipal do Partido Popular de Carballo, encabezado por Aurelio Núñez, criticou onte que o goberno local prime non enfrontarse á Marea Atlántica da Coruña por riba dos intereses dos veciños de Carballo.
A iniciativa, presentada polo PP, e que contou cos votos a favor de TeGa e do PSOE, instaba ao concello da Coruña e á Xunta de Galicia a levar a cabo as actuacións necesarias, en función das súas responsabilidades, para poñer en marcha o Plan de Transporte aprobado no consello da Xunta.
“Resulta rechamante que o goberno de Carballo vote en contrabdunha medida que melloraría a vida dos veciños do noso municipio”, asegurou Núñez, quen lembrou que a chegada dos buses metropolitanos ao centro da urbe herculina suporía “máis comodidades e moitas máis oportunidades” para a xente do municipio.
Neste sentido, o popular cualificou de “incomprensible” que o alcalde, Evencio Ferrero, se escude en que debe ser a Xunta a que inste ao goberno local da Coruña, cando o goberno autonómico xa fixo todo o que tiña que facer para que o plan poida entrar en funcionamento.
“O único que falta é que o concello da Coruña facilite as licencias para executar as obras das paradas. O resto xa está listo, falado e consultado. A escusa do alcalde sona a que non quere problemas co goberno da Marea”, dixo Núñez, quen lembrou que a chegada do transporte ao centro da capital da provincia é unha “histórica demanda” dos usuarios do bus en Carballo.
Por outra banda, o pleno municipal celebrado onte deu luz verde á outra moción presentada polos populares na que se solicitaba que Carballo fose incluído dentro da mesa de negociación constituída para o deseño e a posta en marcha da futura área metropolitana da Coruña,
tal e como reclamou o PP.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- PP de Carballo