A oposición carballesa solicita a elevación dun paso de peóns e a reparación de viais
A meirande parte dos pasos de peóns da Av. de Malpica están elevados. Queda un, ao carón da rotonda que sinala o comezo da devandita vía e o final da rúa Fábrica. De aí, e aproveitando que a Avenida se atopa en obras para o acondicionamento do carrilbici, a veciñanza trasladoulle ao PSOE o seu interese en elevar tamén ese paso de peóns, nunha zona de gran afluencia de vehículos. “É habitual que os vehículos aceleren na incorporación á Av. de Malpica e resulte perigoso o cruzamento polo paso de peóns que se atopa moi próximo”, explican dende o grupo da oposición que piden “ao goberno municipal que tome en consideración a petición dos veciños e transforme o paso de peóns actual nun paso elevado como os que hai noutros varios puntos do centro urbano”.
Do mesmo xeito, o PSOE tamén pediu nun escrito o acondicionamento do firme do vial que une o lugar de Os Pinos con Bértoa. Sinalan que e”n varias ocasións procedeuse ao parcheado da vía, pero que isto non foi máis que unha solución efémera, pois o habitual paso de vehículos pesados non permite que esta solución perdure máis aló duns poucos días”.
Moción de TEGA
Paralelamente, o Grupo Municipal de Terra Galega solicita a mellora do firme das rúas Marcial de Adalid e Juan Montes, que “presentan un estado pésimo, incluso con moitísimas pedras soltas sendo peligrosas para os viadantes o paso dos vehículos”.