Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os peques carballeses andan e plantan

Os peques carballeses andan e plantan

Dúas fermosas iniciativas as que recollemos hoxe sobre a actividade dos peques de Carballo. Por un lado comezou a III Edición do Obradoiro Ambiental Sendas Carballo, con Senda Nova, e mentres, o Horto infantil Ecolóxico municipal segue a pleno rendemento.

Coñecendo o patrimonio con Senda Nova

Os Voluntarios son fundamentais en Senda Nova

A Asociación Ambiental Senda Nova comezou este sábado día 25 de outubro, cunha nova edición do Obradoiro Ambiental Sendas Carballo. Un obradoiro cuxo obxectivo principal é o achegamento dos máis pequenos ao marabilloso patrimonio cultural e ecolóxico que abonda no concello de Carballo, a través de actividades que se realizaran todos os fins de semana durante 8 meses, dende novembro a xuño.
O obradoiro está formado por 25 nenas e nenos de 3º, 4º, 5º, e 6º de primaria do Concello de carballo que durante estes 8 meses descubriran todos os tesouros agochados moi preto das súas casas.
As sesións de aula terán lugar os sábados pola mañán e constarán de diversas actividades que achegarán aos nenos e nenas aos contidos do obradoiro, como actividades plásticas, debates, charlas etc.

Os domingos en xornada completa terán lugar as saídas ao medio natural, nas que se realizaran rutas de sendeirismo, xogos na natureza, actividades de observación e convivencia entre outras. O cal ademais de achegar aos nenos dunha forma física ao noso patrimonio e a natureza tratará de formalos e achegalos ás estratexias adecuadas para saír a natureza, como comportarse nela, e como aprender a disfrutar e adaptarse a ela.

O obradoiro, ao igual que o resto de actividades que leva a cabo a asociación, son realizadas integramente por voluntarias e voluntarios, polo que unicamente foi posible ofertar 25 prazas. Gran traballo o dos voluntarios carballeses.

Actividade con Senda Nova

Horto Infantil

Pais carballeses no Horto Infantil

O Concello e os centros de ensino de Carballo únense para poñer en marcha nos próximos días iniciativas que leven tamén ás aulas as actividades levadas a cabo no marco do Horto Infantil Ecolóxico da rúa Nardos. A intención é que os nenos e nenas de 2 a 11 anos de Educación Infantil e Primaria, poidan realizar prácticas conscientes a nivel medioambiental, coñecer as claves da produción de alimentos e, así mesmo, poñer de manifesto que "o coidado da terra tamén ten saídas laborais”.

A experiencia está sendo moi boa. Despois dos primeiros sete meses de experiencia no Horto cos obradoiros gratuítos, o concelleiro Xosé Regueira realiza un balance moi positivo, pasándose de "nenos e nenas que se resistían a vir, a cativos que non queren ir aos cumples dos compañeiros porque lles toca Horto”.

Os centros que se achegarán decotío ao Horto son os CEIP Bergantiños e Xesús San Luís Romero, que tamén participarán nos programas de Mobilidade do Concello e realizarán a pé os seus desprazamentos ao Horto, reforzando actividades como o Pedibús ou Camiño Escolar. Pero tamén se achegarán polo Horto rapaces dos CEIP Gándara-Sofán, o Colexio Artai, as escolas unitarias do CRA e as Escolas Infantís Municipais As Landras e A Braña.

Está previsto que no futuro, e cos cultivos obtidos co seu traballo, os nenos e nenas dos centros de ensino traballen para constituír a súa propia cooperativa para poder realizar dúas veces ao ano unhas ”pequefeiras” nas que traballen na promoción dos seus produtos ecolóxicos, aprendan a familiarizarse cos cartos, coas moedas e co cambio, e para que sexan conscientes do proceso de produción dos cultivos, de funcionamento dun negocio e do emprendemento, aprendendo paso por paso, así mesmo, como os froitos chegan aos andeis dos supermercados ou aos postos da feira.

No Horto Infantil de Carballo

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios