Venres. 17.05.2024
El tiempo

Os veciños carballeses denuncian máis os vertedoiros ilegais

Os veciños carballeses denuncian máis os vertedoiros ilegais
Limpeza de parcelas en Carballo

79 novos expedientes de talas para a limpeza de soares urbanos e de parcelas rústicas leva tramitado durante este ano o Concello de Carballo, en cumprimento da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo. Non parecen demasiados, se ben 43 correspóndense con soares situados no casco urbano, de acordo coa aplicación das ordenanzas municipais; e só 23 correspóndense con parcelas rústicas, con todo o monte que teríamos que manter limpo..

Un dos puntos interesantes destes datos é que 13 dos expedientes refírense a denuncias sobre vertedoiros incontrolados. Esto demostra que nos últimos tempos tense rexistrado un repunte de denuncias por parte do Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) respecto de residuos depositados de forma ilegal, que son as que se reflicten nestes datos estatísticos.

Así, mentres que en todo o ano 2014 se rexistraron un total de 11, en 2015, despois de medio ano, xa se teñen rexistrado 13, con un notable incremento dende 2013, en que se tramitaran tan só 2. Nestes casos, poden impoñerse multas coercitivas e esíxelle aos donos o pago a posteriori dos labores realizados subsidiariamente polo Concello. Tamén hai que mencionar que, na maioría dos casos, ante o primeiro aviso de execución por parte do Concello os donos ou donas dos soares acaban executando a limpeza polos seus propios medios e o Concello case nunca debe responsabilizarse da limpeza da parcela.

Obrigación de manter limpas as parcelas

Hai que lembrar que no caso dos soares do casco urbano, os propietarios teñen a obriga de manter as súas parcelas limpas e libres de residuos, evitando o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecten ás parcelas colindantes, e que en ningún caso poderán invadir as vías públicas.

No caso da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, o obxectivo é defender os montes ou terreos forestais fronte ao lume, así como protexer ás persoas e bens que puideran resultar afectados por eles. Para iso, os propietarios dos terreos deben cumprir unha distancia de seguridade entre as plantacións forestais e as vivendas, ademais de manter un perímetro de seguridade libre de maleza tamén arredor das vivendas.

Naqueles casos en que os propietarios non asuman a limpeza dos soares ou fincas é cando pode abrirse un expediente -ben de oficio por parte do Concello, ben a instancias dunha reclamación- no que se inclúe unha orde de execución dos traballos, na que se fixarán todas as obras a realizar, así coma o prazo máximo para efectualas. Transcorrido o prazo concedido para dar cumprimento á orde de execución, o Concello poderá ordenar a execución subsidiaria ou forzosa, mediante imposición de multas coercitivas e o pago dos traballos realizados.

Antes e depois da limpeza de Ponte Lubians

Limpeza na Ponte Lubiáns

Ao mesmo tempo a Brigada de Medio Ambiente Municipal veñen de limpar esta semana o firme e a contorna da Ponte Lubiáns, situada entre os municipios de Carballo e Coristanco. Retirouse a maleza e as malas herbas, tanto na superficie como na contorna da ponte durante toda unha xornada desta semana. Hai que lembrar que a Ponte Lubiáns, Tamén coñecida como Ponte Vella, é de orixe romana (un altar dedicado ao deus Cosus, protector das colleitas do agro, lembra a súa orixe), mais foi reformada na Idade Media. Está construída sobre o río Rosende, afluente do río Anllóns. É un resto conservado da antiga vía romana per loca marítima que, vindo de Grandimirun, hoxe Brandomil, no Concello de Zas, atravesaba a parroquia de San Martiño de Oca para continuar polo Concello de Carballo ata Brigantium, hoxe cidade da Coruña. Na imaxe o antes (arriba) e o despois (abaixo) trala limpeza.

Máis información

Fonte

Comentarios