Domingo. 08.09.2024
El tiempo

Os veciños de Artes reclaman un recoñecemento para o mercado que dou nome a Feira de Berdillo

Os veciños de Artes reclaman un recoñecemento para o mercado que dou nome a Feira de Berdillo
consello-parroquial-artes Veciños e veciñas de Artes participaron no Consello Parroquial celebrado o pasado mércores Os veciños e veciñas de Artes non queren que se esqueza que na súa parroquia se celebrou ata 1941 unha feira que deu nome ao lugar da Feira de Berdillo e que finalmente foi trasladada ao núcleo urbano de Carballo, onde continúa. Por iso, a través do Consello Parroquial propuxeron algún tipo de “recoñecemento” a través da organización dalgún tipo de actividade que lembre ese feito histórico. Falouse de facer unha feira anual ou unha festa, pero tamén de artellar unha exposición ou unha publicación a través de “Carballo na Memoria”. O alcalde, Evencio Ferrero, animou á veciñanza a intentar rescatar fotografías daquela feira, pero tamén outro tipo de imaxes que sirvan para alimentar e darlle forma ao proxecto. Os representantes veciñais do Consello Parroquial - que recolleron todo tipo de suxestións e demandas nunha asemblea aberta previa - centraron as súas peticións ao concello de Carballo en cuestións relacionadas coas infraestruturas viarias, de alumeado e hidráulicas, e sobre todo na mellora da seguridade viaria. Neste caso concreto pedíronlle ao concello que demande da Deputación da Coruña o ensanchamento da estrada da Feira de Berdillo a Vilar de Francos. Outras solicitudes Melloras de sinalización, arranxo e ampliación de zonas verdes e servizos para as persoas maiores son outras solicitudes veciñais. En concreto, para a terceira idade propuxeron a instalación de un parque biosaudable xunto á igrexa. Tamén lamentaron que no seu momento o centro de día de Cáritas non puidese abrirse na antiga casa reitoral de Artes e fose trasladado a Berdillo, e especularon coa posibilidade de recuperar aquel proxecto. Por parte do concello de Carballo, o alcalde deulles conta dos próximos investimentos previstos na parroquia, como o arranxo integral de todas as pistas asfaltadas, que arrancou xa coa limpeza de cunetas, e, xa con partidas dos orzamentos deste ano, o arranxo do local social e os saneamentos da Feira de Berdillo, O Barral e Quintela. Así mesmo, o concelleiro Luis Lamas, que asistiu en representación do BNG, avanzou que está en fase de elaboración un proxecto de acondicionamento dos accesos a vivendas de todo o municipio que están sen asfaltar. Por Terra Galega participou Estefanía Canosa e polo PP, Belén Insua. O representante do PSOE, José Antonio Viña, non puido asistir.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios