Novas reclamacións oficiais para conseguir unha ambulancias medicalizadas para a comarca
A Deputación da Coruña reiterou no pleno ordinario deste venres a necesidade urxente de reforzar os servizos de emerxencias sanitarias nas comarcas de Bergantiños e na Costa da Morte mediante a dotación permanente dunha ambulancia medicalizada (Unidade de Soporte Vital Avanzado), que preste servizo as 24 horas do día, para os centros de saúde de Carballo e Cee.
A moción, presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG, insta á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a atender esta demanda, que responde a unha necesidade real da veciñanza destas comarcas. Aprobouse cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e a abstención do Partido Popular.
O texto fai referencia a que a comarca de Bergantiños, con Carballo como núcleo central e de maior poboación, aglutina a preto de 70.000 habitantes. Esta realidade demográfica, unida á dispersión propia do territorio, ao volume de actividade industrial e á distancia cos hospitais de referencia situados na Coruña, fai imprescindible contar cuns servizos de emerxencias sanitarias que atendan ás necesidades dos veciños e veciñas.
No referido á Costa da Morte, os concellos levan máis de 25 anos reclamando a dotación dunha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado (SVA), un recurso esencial para garantir unha atención sanitaria urxente e rápida e de calidade.
O Pleno de Coristanco
Así mesmo, o pleno coristanqués aprobou no último pleno municipal da moción presentada polo grupo municipal socialista para reclama que a Xunta de Galicia dote á comarca de Bergantiños dunha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado (SVA) con base permanente na zona.
“A comarca de Bergantiños leva máis de vinte e cinco anos reclamando este recurso, esencial para garantir unha atención sanitaria urxente rápida e de calidade nun territorio cunha elevada dispersión poboacional e con importantes distancias aos hospitais de referencia”, explica o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda.


