O Parlamento aproba unha moción para esixirlle á Xunta que inicie a Circunvalación de Bértoa neste mesmo ano
A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para esixirlle á Xunta que inicie este mesmo ano as obras da circunvalación do Polígono de Bértoa. A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, presentou esta proposición non de Lei na Comisión de Industria para esixirlle ao goberno galego “menos propaganda e máis execución” con esta obra fundamental para Carballo.
A responsable socialista esixiu o inicio das obras, xa que máis alá dos anuncios do presidente da Xunta de intervencións millonarias, a realidade é que os orzamentos da Xunta para 2026 só contemplan 500.000 euros, unha contía “decorativa” que “non da nin para empezar”, tal e como ten advertido a comunidade de propietarios do polígono. Lembrou que levan agardando por unha xuntanza coa responsable da Axencia Galega de Infraestruturas dende novembro.
Esixiu “licitación, execución e un calendario real” para executar esta obra que puxo enriba da mesa o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, pero que os gobernos do PP a partir de 2009 deixaron caducar sen consecuencias, e que dende o ano 2025 só ofrecen “promesas sen avances reais”. Advertiu que “non queremos máis escusas, trámites eternos nin anuncios baleiros”, senón obras reais dunha actuación reclamada pola veciñanza, os empresarios e a comarca enteira.