Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O PSOE esixe en Carballo a demandada circunvalación

PSOE CARBALLO 16 de maio 1
O PSOE esixe en Carballo a demandada circunvalación

Segue esperando Carballo pola circunvalación. Pasan os anos, e as promesas seguen sen concretarse en obras. Así o denuncia o PSdeG-PSOE Provincial da Coruña que celebrou unha rolda de prensa no Polígono Industrial de Bértoa, o pasado venres, para presentar xunto ao empresariado da zona as súas propostas sobre polígonos industriais.

Participaron na mesma a deputada socialista carballesa Patricia Iglesias Rey e o secretario xeral da agrupación provincial Bernardo Fernández Piñeiro, ademais doutros cargos socialistas a nivel provincial e comarcal.
“Como voceira da Comisión de Industria e parlamentaria da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte, visito o Polígono Industrial de Bértoa para explicar as nosas iniciativas en materia industrial, e en particular sobre polígonos como o que visitamos hoxe”, comezou sinalando Patricia Iglesias.
“No caso de Carballo, é fundamental que se execute dunha vez por todas, por parte da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, a circunvalación para o polígono industrial”, afirmou a parlamentaria galega.
Iglesias sinalou que “isto é moi urxente por dúas razóns básicas, a de gañar máis competitividade para as empresas deste polígono e a cuestión da seguridade viaria”.

“É preciso que o tráfico pesado que accede ao polígono de Bértoa non pase pola vila, xa que está afectando a moitas zonas de colexios e do polideportivo municipal, e iso arranxaríase coa construción da circunvalación”, subliña a socialista.

“A Xunta de Galicia leva moito tempo anunciando este proxecto, esta obra, pero nunca remata por comprometerse de verdade con esta zona coa súa execución”, criticou.

Ademais disto, dende o Grupo Parlamentario do PSdeG no Parlamento galego presentaron “unha iniciativa tan fundamental como é a da creación dunha rede de polígonos industriais tanto na zona de Bergantiños como na zona da Costa da Morte”, explicou a carballesa.

“Isto é moi importante para mellorar o transporte e a comunicación nestas zonas, e así garantir e potenciar o emprego no sector industrial, de boa calidade e ben remunerado para os traballadores e as traballadoras”, engadiu.
"Deste xeito poderemos conseguir fixar poboación, para evitar a perda demográfica nestas zonas cohesionando a súa rede de polígonos industriais e facéndoa moito máis cometitiva e fructífera”, concluíu Iglesias. 

Máis novas

Comentarios