Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Piden un Centro de Educación Especial na comarca de Fisterra mentres o de Carballo volve enredar no Parlamento

Martín Seco Aspaber 300323 01
Comitiva socialista e familias de Aspaber no Parlamento
Piden un Centro de Educación Especial na comarca de Fisterra mentres o de Carballo volve enredar no Parlamento

Continúa o polémico peche do Centro de Educación Especial de Aspaber en Carballo no centro do debate. Onte volvía ao Parlamento Galego, e se xa o levara hai unha semana o BNG desta volta foi o PSOE o que reclamou que garanta a atención ao alumnado con necesidades especiais afectados pola situación.

O PP acabou rexeitando, como fixo xa no pleno municipal, unha iniciativa presentada polo voceiro socialista Martín Seco, que acodía cunha comitiva do PSOE local e varias familias afectadas. Seco acusa ao PP de “poñerse de perfil” ao rexeitar esta proposta, e lamenta a actitude de “tomarlle o pelo aos afectados e a tódolos veciños de Bergantiños e da Costa da Morte”. Seco acusou ao PP de “poñerse do lado dunha administración autonómica que abandona e non da solucións ás problemáticas dos seus cidadáns”.

Tocoulle ao deputado carballés e candidato á alcaldía Rubén Lorenzo defender a postura do PP, asegurando que malia votar en contra da iniciativa socialista, “a Xunta garante unha praza educativa a todos os alumnos do centro de educación especial de Aspaber”. A día de hoxe, a solución máis realista, funcional e áxil para responder ás demandas das familias pasa por escolarizar en unidades especiais da contorna aos 20 estudantes que ocupan estas aulas de Aspaber”, concretou, dando a entender que o futuro do alumnado con NEE será centros como os de Coristanco ou Laxe.

Lorenzo puxo o tempo como razón: “Tendo en conta que estamos practicamente no mes de abril, a solución de continuidade deste centro pasa pola total privatización, co custo que isto suporía para as familias, porque a solución dun novo centro posto en marcha nun tempo récord para botar a andar no mes de setembro é sumamente complexa”, explicou o deputado popular. “O que si teñen asegurado os alumnos e as súas familias é que terán continuidade na escolarización durante o curso 2023-2024 e que será en unidades de educación especial, porque, dentro dun marco inclusivo, respectamos a liberdade das familias á hora de escoller a educación especial para os seus fillos e fillas, particularmente cando estes presentan discapacidades de grao severo”, manifestou.

Un Centro Especial para a comarca de Fisterra

Mentres, o BNG de Cee, tomando en consideración a situación do centro Aspaber, e consciente de que hai varias familias de Cee afectadas por este peche, vai presentar unha moción para instar á Xunta de Galicia que poña en marcha un “centro educativo especial na comarca de Fisterra, que dea un servizo acorde as necesidades do alumnado e que facilite a vida e a concialiación as familias afectadas”.

Novas relacionadas

Comentarios