A Xunta responsabiliza a Aspaber do peche do CEEPR e asegura a escolarización dos 20 nen@s
Levou esta mañá o BNG ao Pleno do Parlamento Galego o asunto do peche do CEEPR ASPABER. O deputado carballés Daniel Pérez fixo un repaso da completa actividade da familia de Aspaber pero quixo poñer o foco no peche do Centro Concertado de Educación Especial, por iso preguntou que medidas vai tomar a Consellería para garantir este tan necesario servizo.
Pérez lembrou a gran preocupación que está creando o peche na comarca, e pediu unha “solución real”, que pasaría pola creación inmediata dun Centro de Ensino Especial Público. “Non se deberían reubicar aos 20 afectados en centros como Xosé Pichel de Coristanco ou no CPI de Laxe, pero se fose así tería a Consellería de darlle ferramentas necesarias aos centros para acollelos”, e poder cubrir así “unha necesidade tan enorme deste servizo, como o demostra o feito de que para entrar en Aspaber había unha lista de espera de 2 anos”.
Foi tallante Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, sacándose responsabilidades (“a Xunta ten responsabilidade 0 nese asunto”, poñendo todo o peso da decisión na entidade. “Mantivemos reunións de traballo cos responsables de Aspaber, aos que se lles ofreceu total colaboración e disposición de seguir adiante co acordo de concerto. Pese a este ofrecemento, a entidade decidiu seguir adiante coa súa decisión unilateral allea á Consellería”, sinalou Román.
Sen citar unha solución concreta o Conselleiro asegura que tanto Inspección Educativa como a Xefatura Territorial se puxeron “traballar con total colaboración e disponibilidade coas familias para dar a atención axeitada a cada unha”. Román quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás familias, posto que o Goberno galego está traballando na busca da mellor solución para atender as necesidades de cada alumno”.
Sen indicar solucións concretas si que asegurou que os 20 alumn@s “teñen garantida unha praza o vindeiro curso 2023-24”, como lles trasladou ás familias Indalecio Cabana nunha reunión celebrada hai unhas semanas precisamente no Xosé Pichel. .