As traballadoras do CEEPR ASPABER rompen o seu silencio contra a xerencia
Rompía onte polémica xurdida ante o peche do centro educativo do CEE Aspaber. Mentres as familias se manifestan este xoves 2 de marzo ás 11.00h ás portas do Concello de Carballo, as traballadoras rompen o silencio que levan aguantando durante anos.
É un escrito da CIG-Ensino o que vén de destapar a situación laboral que levan sufrindo as traballadoras. O Sindicato denuncia que a decisión "unilataeral e inxustificada do peche por parte da Xerencia" é realmente unha "represalia contra as traballadoras por reclamar o cumprimento do convenio colectivo”.
Poñen cifras dende a CIG, explicando que o peche vén dun problema laboral. “As docentes levan anos realizando xornadas anuais moi superiores ás que lle corresponde, traballando 1720 horas en lugar das 1250 que estabelece o convenio”. Así, o sindicato denuncia que “durante as negociacións dos calendarios anuais, a xerente de Aspaber, Dolores Fernández, e o asesor laboral que representa á entidade, Rafael Verdía, ameazaron con proceder ao peche das tres unidades educativas porque, segundo afirmaron, “se tiñan que cumprir coa xornada de 1250 horas non lles compensaba ter o centro educativo aberto”. Acusan ademais á Xerencia de utilizar o requerimento da Inspección de Traballo para solventar a situación laboral solicitando unha renovación do concerto coa Consellería que sabía inviable.
Sobre as razóns de falta de espazo que expón a xerencia do centro para argumentar o peche, asegura a CIG que tanto a Xunta como o Concello “ofreceron outros centros para recolocar estas unidades educativas, “mais Aspaber non aceptou. Isto evidencia que o motivo real do peche non é a falta de espazo adecuado, senón que se trata dunha represalia contra o persoal", sinala a CIG-Ensino.
As profesionais
Polo medio atópanse as 3 profesionais, que a día de hoxe descoñecen se o próximo curso continuarán traballando ou estarán na rúa. De feito, malia que o asesor, logo dunha chamada telefónica da CIG a semana pasada, afirmou que as tres afectadas serían recolocadas nas outras unidades que dispón a entidade en Carballo (asistencial e de emprego), esta posibilidade non foi aínda confirmada oficialmente ás delegadas de persoal, nin ao sindicato.
Unha das afectadas é Sara Pombo, traballadora agora mesmo de baixa tras "petar" despois varios anos "en guerra" coa Xerencia. Sara, de vocación social dende cativa, foi ata voluntaria na entidade. "Conseguir traballar aquí foi o máximo para min, pero acabou convertíndose nun auténtico pesadelo".
"Todo isto lévase moito tempo cocendo. Levamos traballando con horarios desbordantes por sobre exceso moito tempo. E como este traballo é algo vocacional, a xente, por querer manter un posto de traballo aguanta, pero nunhas condicións lamentables". "Eu, despois de moito tempo estirando, metín presión, pedindo que me reflexaran as horas extras, e me dixeron que era indignante para o resto de compañeiras. Como viron que a apretaba un pouco, a xerencia propúxome facer unha proposta, que eu lle enviei, pero acusáronme de ser eu a que puxo a denuncia ante Inspección, así que me dixeron que o convenio non se movía, e mesmo nos ofreceron, coa política do medo de por medio firmar as horas de comedor como horas voluntarias", sinala. "Aí petei", e por iso leva un tempo de baixa.
"A incoherencia é que unha asociación sen ánimo de lucro loite cada día dende fai 40 anos polos dereitos das persoas con diversidade, e non faga o mesmo coas persoas que traballan alí", lamenta. "Se non coidas ao que coida..."
Proceso de peche
"Se abres un centro, concertado, tan necesario para a Costa da Morte, non podes pechar ás escondidas", sinala. Describe como este centro concertado, con gran axuda institucional ("é inédito que un colexio concertado teña ata o transporte subvencionado"), se convertiu no gran "referente na Costa da Morte de Educación Especial".
"Se realmente queres manter o servizo, pon o tema en coñecemento de toda a comunidade para buscar entre todos unha solución. Había mil maneiras de facelo. Podíamos mesmo facer unha cooperativa entre as profesoras; podías abrir as portas a que outra xente tome as rendas do proxecto; ou podían darlle a Consellería marxe para que monte un Centro Público. Pero eu creo que non había vontade".
Sobre o tema das instalacións, o argumento principal da entidade, sinala que "a verdade que as instalacións son pequenas, pero non podemos confundir adxetivos: unha cousa é pequeno e outra é precario".
As consencuencias
A realidade é que a día de hoxe as familias, entre as que hai mesmo unha de Cee, quedan absolutamente orfas. Tocaralles loitar ou buscar praza nun deses colexios que levan sufrindo os recortes durante anos. "Hai unha marea de colexios ordinarios que necesitan derivar aos alumnos no NEE a aulas específicas por falta de persoal, e agora pechamos este", lamenta Pombo.
De aí a necesidade, que advirte o sector, de reivindicar a creación na Costa da Morte dun Centro de Educación Especial Público, para a Costa da Morte, que podería estar situado en Baio ou Vimianzo, unha vez que os únicos que hai na provincia son en Coruña e en Santiago.
Porque é certo que a responsabilidade real de ofrecer está infraestrutura é da Xunta e non dunha entidade sen ánimo de lucro.
Iniciativas do BNG
A primeria chega do BNG, que anuncia que presenta varias iniciativas parlamentarias, entre eleas unha proposición non de lei para debate en Pleno, coa intención de” instar ao goberno galego a adoptar canto antes as medidas e actuacións que sexan necesarias para garantir a continuidade do centro educativo de educación especial CEEPR ASPABER, e así garantir unha atención educativa digna o alumnado da comarca de Bergantiños e arredores, con necesidades educativas severas.”
Ademais, na Comisión oral preguntará como foi o proceso de negociación do peche, que peticións fixo o centro educativo, “que actuacións serían necesarias para solucionar esas eivas” e “que medidas ten pensado adoptar o goberno galego para garantir a continuidade do centro educativo de educación especial CEEPR ASPABER de Carballo”.
Reunión do PSOE
Esta mañá o grupo municipal socialista de Carballo reuniuse coas familias afectadas para coñecer de primeira man as súas necesidades e peticións.
Ao acto asistiron, ademais dos concelleiros locais e a portavoz María Carmen Vila, a deputada Begoña Rodríguez Rumbo e o deputado Martín Seco García, que tamén ofreceron o seu apoio a nivel parlamentario.
O grupo socialista comprometeuse "a facer todo o que estea na nosa man para que a Xunta cumpra coa súa obrigación de atender ás necesidades educativas dos alumnos con necesidades diferentes". Tamén manifestaron a súa "vontade de traballar para conseguir unha solución firme e definitiva, evitando parches que non dan unha solución real a longo prazo".
A posición da Xerencia
Mentres, a Xerencia refírese á nota de prensa emitida: Entre os obxectivos que persegue a Xunta Directiva de ASPABER para o Centro Educativo, sempre estivo a necesidade de proporcionar ao noso alumnado o apoio necesario para o seu desenvolvemento persoal, potenciando ao máximo as súas actitudes e capacidades e procurando acadar a súa plena formación educativa. , integración social e laboral.
Non obstante, na actualidade as nosas instalacións non son as adecuadas para poder ofrecer unha atención educativa da forma que merecen os nosos alumnos. Por este motivo, e tras realizar múltiples trámites para conseguir unhas instalacións adecuadas aos obxectivos perseguidos, non foi posible. En consecuencia, a Xunta Directiva viuse obrigada a tomar a triste e difícil decisión de proceder ao peche definitivo do noso centro de educación especial.