Piden a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia en Carballo ante o aumento de casos
Segundo as estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, a entrada de asuntos de carácter civil nos Xulgados de Corcubión no ano 2023 foi case un 15% superior á de 2022, máis dun 21% superior á de 2021, e un 62% máis elevada da de 2017. Unhas cifras que superan o número máximo establecido polo baremo aprobado polo Consello Xeral do Poder Xudicial para xulgados de primeira instancia e instrución.
”Se a carga de traballo medra considerablemente, mesmo superando os límites marcados como máximos polo CXPX, e o cadro de persoal apenas sofre variacións, cal será a consecuencia de tal discordancia?”, pregúntase o deputado carballés do BNG Daniel Rego, que vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que solicita que o “Parlamento inste a Xunta de Galiza a demandar a urxente creación dun Xulgado de Primeira Instancia e Instrución no partido xudicial de Carballo”.
Así mesmo, pide que “en tanto non se amplía a planta xudicial, adoptar as medidas de reforzo que permitan axilizar os tempos de resolución dos procedementos e reducir a elevada pendencia que soportan as unidades xudiciais existentes.”