Piden máis persoal para o Xulgado de Carballo

Segue aumentando o número de casos e de carga de traballo nos Xulgados de Carballo. Unha situación continuada dende 2017 que non implicou un aumento de persoal, provocando que en moitos casos os profesionais teñan prolongar a xornada ordinaria de traballo. A realidade é que o cadro de persoal dos xulgados de Carballo, decanato incluído, o 1 de xaneiro de 2024 é o mesmo que había o 1 de xaneiro de 2017 coa única excepción do corpo de tramitación procesual do xulgado de primeira instancia e instrución núm.1 que se incrementou nunha persoa.
Así o denuncia o BNG que vén de presentar unha proposición non de lei para debate na Comisión 1ª do Parlamento Galego para "demandar a urxente creación dun Xulgado de Primeira Instancia e Instrución no partido xudicial de Carballo. En tanto non se amplía a planta xudicial, adoptar as medidas de reforzo que permitan axilizar os tempos de resolución dos procedementos e reducir a elevada pendencia que soportan as unidades xudiciais existentes.”
Datos
Se a finais de 2017 había 831 procedementos en tramitación na sección civil dos Xulgados de Carballo, no 2023 había 2436, isto é, 4 veces máis. Se en 2017 había 1695 sentenzas en execución, no 2023 eran 2457 as sentenzas que estaban pendentes de ser executadas.
Igualmente, o número de asuntos en tramitación na sección penal tamén sufriu un notable incremento, dun 30% nos procedementos penais de carácter xeral, e de máis dun 80% nos de violencia sobre a muller.