Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Policía Local abre unha investigación polos vídeos da troula sen máscaras nun bar de Carballo

Video da polemica en Carballo
Captura do vídeo da polémica nun bar de Carballo
A Policía Local abre unha investigación polos vídeos da troula sen máscaras nun bar de Carballo
Domingo pola tarde en plena pandemia e co Concello de Carballo en nivel vermello por alerta sanitaria. Pero a vida axítase nun Bar da capital bergantiñá. A mocidade baila en parella e canta en grupos de amigas, facendo da máscara calquera cousa menos un elemento de prevención e protección ante o coronavirus.

Así o amosa uns vídeos que se subiron ás redes sociais, provocando que o whastapp da comarca ferva de comentarios. Unha situación que fai moito dano á hostalería carballesa, que está campeando o temporal como pode e con boa nota en xeral.

O propietario do local, Loureiro, lamenta o acontecido. “As cousas desbócanse un pouco e mira o que pasa… A evidencia está aí, é certo, pero parece que nós pasamos de todo e non é así. Chameilles a atención, dúas veces, e pararon, pero foron apenas 45 segundos e parece que foi toda a tarde". Loureiro non bota balóns fóra pero recoñece que hai veces que “parece que temos que ser papás da xente, dicíndolle unha e outra vez que ten que poñer a máscara, e que non poden estar máis de 6 xuntos. Nós temos perdidos clientes por ser pesados avisando á xente", explica.

Investigación da Policía Local

Fontes da Policía Local aseguran que están abrindo unha investigación, unha vez recibidos os devanditos vídeos. A Policía recibía unha chamada alertando da situación este mesmo domingo ás 19:45h, pero a única patrulla efectiva atopábase en Cances por mor dunha denuncia. Nese mesmo momento chamaron ao propietario, e lle preguntaron e pediron que tomase cartas no asunto.

Cando voltou de Cances, a patrulla voltou polo bar e a situación estaba controlada. Pero ao ver os vídeos a Policía Local entendeu que se trata dunha falta grave e procederon a abrir unha investigación, na que pretenden tomar declaración aos camareiros, identificar ás persoas que estaban bailando e cantando sen máscara, e valorar a posibilidade de precintar o local.

 

Comentarios