Preto de 90 persoas maiores de 50 anos volveron á Universidade Sénior de Bergantiños
Coa ilusión e a inocencia dun rapaz de 18 anos que entra o primeiro día na Universidade. Así acodiron onte as preto de 90 persoas maiores de 50 anos da comarca de Bergantiños na inauguración da 3ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña (UDC).
Con esta nova edición, a Universidade Sénior reitera o seu compromiso de atender ás inquedanzas e necesidades formativas das persoas maiores de Carballo, como ven facendo tamén noutras localidades e comarcas desde a primeira edición deste programa no ano 2018.
O programa desenvolverase entre os meses de outubro e novembro de 2024, e todas as sesións se celebrarán no Forum Carballo, con actividades teóricas, de 17 a 19 horas, e prácticas a cargo de profesorado da UDC.
A inauguración oficial, despois da primeira sesión, terá lugar o día 15 de outubro ás 17:00 horas e contará coa presenza de Evencio Ferrero Rodríguez, Alcalde de Carballo; Susana Iglesias Antelo, adxunta á Dirección da Universidade Sénior; e María Mar Eirís Villar, concelleira de Educación e Terceira Idade do Concello de Carballo.
O programa formativo é o seguinte:
MODULO 1. Arte e Patrimonio
- “Unha mirada sociolóxica ao consumo e as prácticas culturais”, a cargo da profa. María Andrade Suárez
- “A Moda a través da Historia” a cargo da profa. Elvira Lezcano González
- “Do Renacemento ao Barroco a través da Arquitectura dos Mosteiros Galegos” a cargo da profa. Estefanía López Salas.
- Visita cultural
MODULO 2. Ciencia e Tecnoloxía
- “I+D e Innovación en Galicia” a cargo do prof. Alfonso Bravo Juega.
- “Situarse no Mar: O Ceo como Guía” a cargo da profa. Alsira Salgado Don.
- “Ciencia con Datos” a cargo do prof. Salvador Naya Fernández.
- Saída de campo
MODULO 3. Saúde e Benestar
- “Factores de Risco da Demencia” a cargo do prof. J. L. Rodríguez-Villamil Fernández.
- “Que é o Edadismo? Reflexionando para acadar unha Sociedade Inclusiva”, a cargo da prof. Raquel Veiga Seijo
- “Augas termais e Saúde” a cargo da profa. Rosa Meijide Faílde.
- Saída de campo