Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Carballo estrea, no marco do programa APEGO, unha escola de familias pola educación en igualdade

Presentacion APEGO Carballo 2024
Ángeles Pacoret, Evencio Ferrero e Maica Ures na presentación
Carballo estrea, no marco do programa APEGO, unha escola de familias pola educación en igualdade

No marco do Programa APEGO, un proxecto ao que están adheridas 350 familias carballesas, o Concello de Carballo estrea unha escola de familias pola educación en igualdade, unha iniciativa conxunta das concellarías de Normalización Lingüística e Igualdade coa que se pretende, por unha banda, ampliar a oferta de actividades para familias con nenos/as de cero a seis anos e, por outra, seguir traballando desde as idades máis temperás na creación dunha sociedade máis igualitaria.

A primeira actividade, que será, este venres, un obradoiro de primeiros auxilios impartido por Protección Civil. 

Maica Ures comentou que a idea de poñer en marcha a escola xurdiu a raíz dos obradoiros sobre xoguete non sexista celebrados en decembro. “Sempre dicimos que a maneira de desbotar as desigualdades é a educación e a formación, e iso é o que se pretende con esta escola”, apuntou, ademais de “seguir fomentando a co-responsabilidade na educación”.

Todas as sesións celebraranse na aula de formación do mercado municipal ás 17.30 horas, e, para facilitar a conciliación e fomentar a co-responsabilidade, na planta alta haberá servizo de canguraxe sempre que haxa un número mínimo de familias interesadas. Agás para a charla de Protección Civil, as inscricións realizaranse a través do enderezo electrónico [email protected], facendo constar os datos persoais e a necesidade ou non de servizo de canguraxe.

PROGRAMA

Cartel APEGO Carballo

Venres 16 de febreiro

Primeiros auxilios para familias. Obradoiro impartido por Protección Civil de Carballo no que se abordarán algúns dos problemas máis frecuentes que poden afectar á infancia, como convulsións, dificultade respiratoria, queimaduras, sangrado nasal ou atragoamento. 

Inscricións: 981 704 048

Venres 15 de marzo

Educar en igualdade. Destinada a explorar diferentes aspectos relacionados ca socialización de xénero (sexo-xénero, estereotipos e roles sexistas, xogos e xoguetes, identidade de xénero, xestión emocional segundo o sexo, formación-profesións, medios de comunicación....) e como isto afecta na forma de ser, sentir e facer de modo diferente en función do sexo co que nacemos, o cal fomenta a desigualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres.

Venres 19 de abril

Desconecta. A presenza dos dispositivos móbiles na nosa vida diaria é un feito, sendo cada vez máis frecuente ver a nenos e nenas con dispositivos tecnolóxicos nas mans en máis situacións. e durante máis tempo do axeitado. #Desconecta é unha charla interactiva para familias a través da cal se persegue abordar a problemática do uso continuo (e abuso) de dispositivos nos menores. Neste espazo de diálogo, ademais de compartir os perigos do seu emprego abusivo, ofreceremos estratexias e alternativas ó seu uso e presentaremos aplicacións educativas axeitadas ás idades e necesidades dos nosos cativos. Por outra banda, será un espazo onde compartir e aprender a xestionar a frustración que nos aboca como pais/nais ou educadores/as no noso día a día as diferentes situacións derivadas da problemática do uso excesivo das novas tecnoloxías.

Venres 24 de maio

E ti, que tes que ver? Nesta charla destacarase a idea de que as familias desempeñan un papel clave na prevención, detección e intervención contra o acoso escolar. Explicaranse diferentes conceptos relacionados co bulling; cos indicadores ós que se debe de prestar atención para detectar o acoso: cas persoas implicadas no acoso (vítima, agresor/a, testemuñas, escola, familia...); con como actuar cando se detecta; cas consecuencias que se derivan deste, así como aportar estratexias para abordar o acoso dende as familias dende unha educación emocional positiva. 

Venres 21 de xuño

Mi, me, comigo-contigo. Educamos por igual a nenos e nenas no plano afectivo sexual? Envíamos os mesmos mensaxes a nenos e nenas ? Fomentamos una axeitada autoestima nas crianzas? Falamos de afectividade e sexualidade cas crianzas? Como podemos facelo? A través desta charla perséguese que as familias interioricen que a sexualidade é unha dimensión das persoas que vai dende o nacemento ata a morte e que existe unha gran diversidade na forma de vivila e de expresala, así como nas formas de ser e de relacionarse. Así mesmo,destacarase a importancia do establecemento de vínculos sans, respectuosos e baseados no bo trato. 

Comentarios