Un repaso ás obras urbanas carballesas

Continúan avanzando sen parada as obras en varias rúas de Carballo. Agora mesmo, os traballos concéntranse no ámbito dos Baños Vellos e na rúa Vázquez de Parga, como comprobou a comitiva municipal.
Unhas obras con varios obxectivos: seguir modernizando os servizos de auga, saneamento, alumeado, gas, cable... pero tamén continuar dando pasos cara a accesibilidade universal e avanzar na mellora urbanística da vila.
A reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos, servirá para implantar plataforma única, ademais de proceder á plantación de arborado, e a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte artística no encontro das rúas.
A zona terá continuidade coa reurbanización das rúas Pontevedra, xa adxudicada e que se acometerá de seguido; Chile, que está en licitación nestes momentos, e Estrela e Lugo, que xa teñen orzamento e contrataranse nos vindeiros meses.
Mentres, na Vázquez de Parga continúan as obras do proxecto Cicl-Ando Carballo, que inclúe a construción de 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís.