Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A segunda xornada de folga na recollida do lixo de Carballo volve rexistrar un seguimento total

2024-06-20_FolgaUTECarballo_01
A segunda xornada de folga na recollida do lixo de Carballo volve rexistrar un seguimento total

A segunda xornada de folga no recollida do lixo de Carballo está rexistrando un seguimento do 100%, xa que só entrou traballar aquel persoal designado como servizos mínimos. A folga desenvólvese dende ás 22:30 horas de onte, xoves, até ás 15:00 horas deste venres, atinxindo as dúas quendas de traballo. Ao igual que no primeiro día de paro, o piquete informativo permaneceu diante das  instalacións da UTE Carballo (integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL) ante as posibles vulneracións dos dereitos dos traballadores e das traballadoras que se están a detectar.

A este respecto Martín Caamaño, responsable da CIG de Carballo, informa que se "vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo contra a UTE por esquirolaxe, xa que Urbaser SA ordenou a dous traballadores que non pertencen ao servizo de recollida de lixo realizar tarefas que son propias do persoal da UTE, como o mantemento e limpeza dos camións".

"Estes traballadores, explica, están contratados pola mercantil Urbaser SA e non son persoal da UTE Carballo. Por este feito, en setembro do ano pasado xa denunciamos diante da Inspección que se está a dar unha cesión ilegal de traballadores. E agora, en pleno conflito polo convenio colectivo, vemos como Urbaser vulnera os dereitos fundamentais suplindo ao persoal da UTE con persoal alleo ao servizo".

A negociación, bloqueada pola empresa

Doutra banda, Caamaño explica que, "a pesar do respaldo unánime dos traballadores/as á convocatoria, a empresa mantén o bloqueo das negociacións e non fixou aínda data para continuar coas reunións da mesa". O representante da CIG subliña que "o único que está reclamando o persoal é ter unhas condicións salariais e laborais dignas, pois neste momento o persoal está cobrando o salario mínimo interprofesional".

Critica que a proposta da UTE Carballo "suporía que para este 2024 os soldos quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI", e rexeita a negativa da empresa a incluír tamén no convenio outras melloras como un complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns.

Fronte ás miserentas propostas da UTE, o persoal reclama unha suba xusta que aproxime os seus salarios aos que xa perciben os compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo; que se garanta que todas as categorías están por enriba dos incrementos do SMI; e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.

Comentarios