Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Xan Fraga, o cronista de Carballo, fará un percorrido pola historia da vila

Xan Fraga
Xan Fraga, o cronista de Carballo, fará un percorrido pola historia da vila

Este venres remata o ciclo de conferencias, que baixo o título de Coñece a comarca de Bergantiños, programou o Instituto de Estudos Bergantiñáns co motivo
do seu 25 aniversario.

Xa teñen pasado polo Salón do Casino de Carballo o xeógrafo Augusto Pérez Alberti, a arqueóloga Purificación Soto Arias, o historiador Luis A. Giadás Álvarez, o filólogo Fernando Cabeza Quiles, e pechará esta serie de intervencións o historiador e profesor Xan Fraga Rodríguez, que disertará sobre a historia de Carballo, un tema que coñece en profundidade, polos anos que dedicou a investigar no arquivo municipal e polas múltiples entrevistas que realizou a carballeses e carballesas, que tiveron protagonismo na vida política, social ou cultural na capital bergantiñá. 

Con toda esta información recollida o historiador carballés elaborou os seus catro libros de Crónicas de Carballo e outros máis como o dedicado á liña de tranvías e trolebuses A Coruña-Sada-Carballo ou ao equipo local Bergantiños F. C.
Xan Fraga é o verdadeiro cronista da súa vila natal e quen mellor nos pode conducir por ese percorrido a través da historia desta localidade fundada na primeira metade do século XVIII, cando se redescubriron as augas termais nas marxes do rego da Balsa.

A cita será este venres 5 de abril ás 20:00h no Casino 1889 Carballo.

Comentarios