Mércores. 08.05.2024
El tiempo

A asociación Monte Pindo presenta o seu programa anual de actividades

A asociación Monte Pindo presenta o seu programa anual de actividades
Ainda que con posibles variacións, a asociación Monte Pindo Parque Natural vén de dar a coñecer o seu programa de actividades que desenvolverá ao longo deste ano. Todo o ano
  • Mesa de Toponimia do Monte Pindo. A comisión rectora da Asociación Monte Pindo acordou a creación dunha mesa de traballo destinada a recopilar e recuperar a microtoponimia do Monte Pindo para plasmar nunha guía e un mapa. Para inscribirse é necesario enviar un correo a [email protected].
  • Conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. A entidade celebrará as actividades deste evento de alcance europeo levando o patrimonio aos centros de ensino da bisbarra. Así, está previsto desenvolver ao longo do ano charlas informativas cando menos nos institutos de Carnota, Muros e Cee, da man dunha persoa experta nos valores patrimoniais do Monte Pindo e da comarca.
Febreiro
  • Durante o vindeiro mes de febreiro, está prevista a presentación do proxecto Trekker Monte Pindo, grazas ao cal a asociación mapeou para a aplicación Google Maps a práctica totalidade das rutas de sendeirismo do concello de Carnota. O acto incluirá a presentación do proxecto con Google, visita virtual polas rutas recollidas, e a proxección dun documental sobre a iniciativa. As datas marcadas para a presentación son o sábado, 24 de febreiro ás 18:00 horas na Domus Atlántica de Lira (dirixido ao público xeral) e o mércores, 28 de febreiro ás 11:00 horas no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela (dirixido a prensa, entidade e TICs).
Marzo
  • Asemblea Xeral Ordinaria. Sábado 17 de marzo no Salón de Actos do Concello de Carnota. Pódese asistir en calidade de convidado/a preavisando á asociación.
  • 5º aniversario do Irmanamento Monte Pindo - Monte Alto. Con subida ao Olimpo Celta desde as 10:00 horas, e á tarde-noite foliada e festa popular na praza da Solaina (O Pindo - Carnota). Prevese dispor de servizo de autobuses desde a cidade da Coruña.
Abril
  • Subida nocturna ao Monte Pindo. A asociación organizará unha subida nocturna da man de Fins Eirexas destinada a contemplar a bóveda celestial e aprender a facer fotografías astronómicas e nocturnas. Esta actividade, prevista inicialmente para a fin de semana do 14-15 de abril, depende estrictamente da dispoñibilidade de Fins e de que o ceo esté despexado polo que se aconsella estar pendentes da web da entidadade ou das súas redes sociais Facebook e Twitter por se hai cambios de última hora.
Maio
  • Roteiro micolóxico polo Monte Pindo. Da man de expertos da asociación ceense Pan de Raposo, os participantes descubrirán da existencia de cogomelos durante todo o ano, non só en outono. Tamén se tratará de localizar o lirio de monte (Iris boissieri); unha especie en risco crítico de extinción a nivel mundial que sobrevive no Monte Pindo. O mes pode variar en función da abundancia ou escaseza de cogumelos.
Xuño
  • Voluntariado no Monte Pindo (VIII). Limparanse un dos tres camiños do Monte Pindo que necesitan tarefas urxentes de conservación: Pindo-Pedra Cabalgada, Fervenza-Portela Ventosa e Penafiel-Cova da Xoana.
Xullo
  • VI Simposium Monte Pindo. Sábado 21 de xullo na Casa da Cultura de Cee. 6ª edición destas xa tradicionais xornadas de investigación e divulgación científica monográficas sobre o Monte Pindo que se desenvolven por primeira vez fóra do Concello de Carnota.
Setembro
  • Roteiro circular polo Monte Pindo. Desenvolverase o tradicional e exitoso roteiro circular, de certa esixencia física (unhas 8 horas de camiñada) percorrendo a práctica totalidade dos puntos de interese do Monte Pindo: San Xurxo, Penafiel, Cova da Casa Xoana, Laxe da Moa, etc...
Novembro
  • Día do Patrimonio. Participaremos un ano máis nas actividades que coordina a Rede de Patrimonio Cultural, da que formamos parte, en conmemoración do Día Internacional do Patrimonio, cunha visita guiada o sábado 17 de novembro aos restos do Castelo de Penafiel, da man dun experto.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios