Martes. 16.04.2024
El tiempo

Lira celebrou con gran emoción o seu 40 aniversario homenaxeando ao gran Piteiro e aos seus socios fundadores

Homenaxe a Piteiro no 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy
Homenaxe a Piteiro no 40 aniversario do Lira CF. Fotos de Nunegraphy
Lira celebrou con gran emoción o seu 40 aniversario homenaxeando ao gran Piteiro e aos seus socios fundadores

Cando dicimos que o Fútbol da Costa trascende as fronteiras do deporte é por momentos como as que se viviron en Lira este pasado sábado. A directiva actual, comandada por Anxo Gómez, quixo celebrar o 40 aniversario do club coa entrega dunha insignia aos socios fundadores do Ajax da Costa, nun acto que ademais serviu de gran homenaxe a un dos grandes emblemas da historia do Lira: O Piteiro.

A emoción derbordouse cando José Formoso entreou no local da Lonxa Vella de Portocubelo. A súa descoñecida enfermidade, que lle produce unha parálise bastante agresiva, non lle impediu romper a chorar de emoción e de alegría en varias ocasións, vendo a todos eses amigos que quixeron recordarlle que foi un dos mellores xogadores da historia do noso fútbol, e, sen lugar a dúbidas, o mellor da historia do club liracho. “Co pequeno que era e como llle daba coa cabeza, era impresionante”, comentaban os seus compañeiros do que puido ser un dos grandes dianteiros, e líberos, do fútbol costeiro.

Antes, o máis dun centenar de asistentes puideron disfrutar coa exposición de fotos, recortes xornalísticos e as camisetas históricas que conseguiu xuntar a directiva, tras uns meses de tremendo traballo.

O presidente Anxo Gomez presentando o 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy
O presidente Anxo Gomez presentando o 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy

Trala benvida do presi, e as primeiras verbas do presentador, o noso Ubaldo Cerqueiro, o vicepresidente da RFGF Juan Villamisar e a directiva xalleira Silvia Cancela, quixeron felicitar á familia liracha, e así o fixeron ao remate do acto con sendas placas conmemorativas do acto. Foi Luís da Cacheira, presidente durante os anos gloriosos do club, cando quedaban campión da Liga da Costa na tempada 94/95 e campión da Copa da Costa no ano 1996, o que puxo voz aos históricos do club: “De Noia ata Fisterra non ai pobo na Costa que non teña un xogador do Lira”, comentaba deixando patente o papel vertebrador do fútbol na nosa comarca.

Subiron ao estrado a recoller a insignia da man de Anxo e do Manuel Lago (“Manolo do Rato”, que tamén recibiu a súa), Manuel Pérez, “o Armeiro”; José “Otero”; José Dosil (“Pepe de Sil”); Víctor Leis en nome do seu finado pai “Manolo de Cacho”; José Leis “Pepe Docha”, o propio Luís da Cacheira, Laureano Tajes; Cristian Formoso, actual capitán, en nome do seu finado pau Xaquín da Portuguesa; Bertino Freire “Rocho”; Francisco Lago “Pancho de Freire”; Ramón Piñeiro “Ramón de Fiuza”; Claudio Carpintero, que recolleu tamén a insignia di seu finado cuñado José Canosa; Juan Muíños “O Pocho”; Abelardo lago Maceiras; Mario Maceiras “Mario da Burrica”; Abelardo Senande; Juan Caamaño "Canino”; José Manuel Saborido "O Jaro”; Abelardo Lago en nome do seu finado tío Mateo Lago; Mariano Louro Lago; Rogelio Saborido; o mesmo Manuel Lago, "Manolo do Rato”; e Ramón Gómez Formoso "Moncho”.
Non puideron asistir Manuel Caamaño “Cajetilla" nin tampouco José Gómez Gómez "José de Gómez”, pero a directiva faralle chegar a insignia.

A emoción de Piteiro

Luis da Caceheira co Piteiro no 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy
Luis da Cacheira abrazando ao Piteiro no 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy

Ao remate chegaba o momento da noite, cando Villamisar proclamou ao Piteiro como Presidente Honorífico do club. As bágoas de todos os asistentes saltaron ao velo subir ao escenario para recibir a insignia e a placa, o seu sorriso abrazando a todos e cada un dos asistentes, encheu de nostalxia a lonxa.

Foi o alcalde, Juan Manuel Saborido, “O Moma”, tamén ex xogador do club, o que puxo o broche ao acto.

Homenaxe a Piteiro como Presidente de Honra no 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy

Tarde de lendas

Comida de confraternizacion no 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy

Despois da comida de confraternización que serviu para que ducias de ex xogadores compartisen unhas cervexas e ducias de anécdotas, a xornada festiva trasladouse a o campo de Lombáns, onde o Lira campion da Copa do 96 enfrontouse a unha selección de vellas glorias.

40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy 2Vellas Glorias do 40 aniversario do Lira CF-Foto-Nunegraphy

Lira, tecendo fíos e cruzando charcos

Lira é un lugar especial por cousas coma estas, que demostran que a colaboración entre entidades deportivas (como o Lira CF), entidades culturais (neste caso a Asociación Canle, que cedeu o local e colaborou con todo o que puido no acto) e entidades mariñeiras (a confraría, que tamén puxo o seu grao), non son imposibles na Costa da Morte. 
Así foi pola noite, cun cea e un concerto da Banda dos Trotabares da Coruña. O mesmiño acontecerá dentro dun par de semanas, no gran Festórreo de Lira, onde tamén colabora todo o pobo.

Un Lira que ademais trascende as fronteiras da nosa bisbarra, como o demostra o feito de que varias das insignias vaia cruzar o charco, marchando unha a Queens (Nova Iorque) onde vive Manolo do Rato, e outro a Montevideo, onde vive a familia do Tupa.

Comentarios