Aberto o prazo de inscrición para a Ruta BTT da Semana Santa de Carnota
Xa está aberto o prazo de inscrición da XIII Ruta BTT do Concello de Carnota, a ruta cicloturística non competitiva que forma parte da programación do Víndemo Ver, unha das citas principais da Semana Santa na Costa da Morte. A edición deste ano celebrarase o venres 3 de abril, cunha saída prevista ás 09:30 horas dende o pavillón municipal de Carnota.
Dous percorridos para todos os niveis
A organización propón dous itinerarios circulares, ambos con saída e chegada no pavillón de Carnota:
· Ruta longa: 39 km aproximadamente e +1250 m de desnivel.
· Ruta curta: 22 km aproximadamente e +850 m de desnivel.
A recollida de dorsais realizarase no propio pavillón a partir das 08:00 horas, permanecendo aberta ata 15 minutos antes do inicio da ruta.
Inscricións abertas ata o 30 de marzo
As inscricións deberán formalizarse a través da web https://cronotec.es/ ata o luns 30 de marzo ás 12:00 horas, cun custo de 10 euros por participante.
No caso de deportistas menores de idade, será necesaria unha autorización paterna, segundo o modelo establecido pola organización. Este documento poderá descargarse en www.cronotec.es, www.carnota.gal ou recollerse directamente no Departamento de Deportes do Concello de Carnota.
Premios en categoría e-bike
Como novidade, este ano entregaranse premios ao primeiro e á primeira participante na categoría e-bike, recoñecendo así a participación e o esforzo tamén nesta modalidade.
Actividade infantil paralela
De maneira simultánea á Ruta BTT, celébrarase a V Xincana de Bicicletas Infantil, instalada no pavillón de Carnota entre as 10:30 e as 13:00 horas. As crianzas participantes deberán acudir coa súa propia bicicleta e casco.


