mércores. 30.04.2025
El tiempo

Antonio Nodar expón “o tempo como patrimonio”

carnota-auroraborealis-photograph-antonio-nodar-
A vista que capta Antonio Nodar dende Sofán (Carnota) en varias fases do día
Antonio Nodar expón “o tempo como patrimonio”

Este sábado 19 de abril, en plena Semana Santa, o Tinglado de Carnota acolle unha estrea mundial moi especial. O artista vimiancés, afincado na aldea carnotá de Sofán, pon en marcha un proxecto co ceo, co tempo, como eixe principal. Xa o ano pasado cazou as auroras boreais, e neste 2025 ten formulada a idea de capturar, en formato timelapse e fotografía, como “o tempo é parte do noso patrimonio”.

“Os que vivimos en Galicia sempre falamos do tempo, se chove porque chove, se vai sol porque vai sol”, reflexiona. “O tempo aquí é como unha película, porque non sabes o que pode vir o día seguinte; porque tes días que tes as catro estacións xuntas, e xa non falamos das cores dos menceres e solpores. Aquí teño que a posibilidade de pescar eses momentos”.

E precisamente niso se atopa. Xa leva anos traballando cos ceos. De feito, comezara en Londres en 2004, e chegou a facer unha serie de dúas mil, tres mil fotos dende onde vivía, que tamén tiña unha vista espectacular. Agora, dende o lugar de Sofán, por fin atopou o encuadre ideal recollendo toda a enseada, a vila de Carnota, Pindo, Portocubelo o cabo Fisterra ao fondo… E sobre todo cun protagonismo do marabilloso. ”Forma case como un círuclo, e a parte de arriba é o ceo, que é o interesante, todo ese movemento de nubes…”.

A súa idea é “intentar captar o tempo” e para iso comprime en vídeos 3 minutos un día enteiro, entendendo que o formato time lapse é un bo método de “contar a historia do tempo”.

 

Se a natureza é evidentemente protagonista como “alegradora da nosa vida”, o proxecto tamén “ten un trasfondo social. Temos unha marabilla diante dos ollos, pero sempre temos que facer unha cagada polo medio, como os cables da luz (que seguramente xa non funciona), un feísmo, pero que forma case parte da nosa cultura. Miras para un lado un vertedoiro, para outro viraventos, para aquel, o monte medio furado…”

Así, a primeira proxección, coa música en directo de Frank Buschmann, unha estrea mundial en clave de probatura para ver como reacciona a xente, e ir evolucionando este proxecto de captar día a día o 2025, será o sábado 19 ás 21:00 no Tinglado, cando peche a Mostra Víndemo Ver e antes dos concertos. Para acodir cómpre recoller invitación no propio Tinglado ou no posto que ten o Tinglado na carpa da Mostra.

Antonio espera ver a reacción da xente, esperando que cada persoa faga a súa viaxe. “Cando entras nas imaxes xa non é o que eu quero ensinar senón o que ti queiras ver, o teu mundo, a viaxe mental a onde te levan esas imaxes”, explica.

Open Museo Galego

A iniciativa estará ligada ao concepto da o Open Museo Galego, outro proxecto paralelo que trata de recoller cousas que acontecen no noso país “dende o intanxible”, como o tempo, ou como esas esculturas feitas polo paso do vento ou do mar.

A idea final é facer unha instalación a ceo aberto onde todo o ano vai estar presente, con fotos, vídeos, música… Mentres, podemos achegarnos ao Tinglado e comprobar a que está armando o noso Nodar.

Artigos de Antonio Nodar en QPC

Ruralismo 3.0

Comentarios