venres. 24.04.2026
El tiempo

O BNG de Carnota denuncia o “progresivo desmantelamento” do servizo sanitario no municipio

Primitivo Pedrosa, dirixente do BNG carnota
Primitivo Pedrosa, candidato do BNG de Carnota
O BNG de Carnota denuncia o “progresivo desmantelamento” do servizo sanitario no municipio

A decisión da Xunta de eliminar as consultas médicas que viñan desenvolvéndose no centro de saúde de Carnota (como pasou tamén no de Mazaricos) os sábados pola mañá, volve incidir no  “progresivo desmantelamento” do servizo sanitario. Así o denuncia Primitivo Pedrosa, candidato do BNG de Carnota, que lembra que a localidade tamén leva dous anos sen pediatra e as familias teñen que desprazarse ata Muros para que as súas crianzas sexan atendidas por un especialista.

Os nacionalistas sinalaron que a decisión da Consellería de Sanidade de deixar sen servizo o centro médico os sábados pola mañá enmárcase nos cambios decididos polo goberno galego para os Puntos de Atención Continuada (PAC), e que quedaron definidos nun “decretazo” que agrava a situación do sistema sanitario público. 

As medidas implicarán a variación nos horarios de atención, incluíndo o peche de centros de saúde que ata o de agora abrían os sábados. Segundo explicou a formación nacionalista, isto obrigará a moitas persoas a desprazarse a outros puntos asistenciais máis afastados dos seus domicilios, como ocorre no caso dos pacientes do centro de saúde de Carnota, que terán que ir ata o PAC de Muros para ser atendidos.

"O Partido Popular recorta cada día máis os servizos públicos, como os da sanidade en Carnota; énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a este paso imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos”, denuncia Pedrosa. 

Ademais, o representante do BNG carnotá criticou que o Concello non teña informado dos cambios na xestión sanitaria realizados polo goberno galego. “É incomprensible que o goberno municipal non se preocupe por un servizo tan importante para os veciños e veciñas de Carnota”, insistiu Primitivo Pedrosa.
 

Comentarios