Carnota celebra as Letras cun certame de poesía audiovisual


Co gallo da celebración das Letras Galegas, o Concello de Carnota ofertará durante o mes de maio un amplo programa de actividades organizado conxuntamente polo Departamento de Cultura e o Servizo de Normalización Lingüística. Actividades audiovisuais enfocadas aos máis pequenos, para que xa vaian facendo prácticas neste secotr cultural do século XXI.
O programa inclúe accións centradas na figura do autor homenaxeado, Lois Pereiro, e actividades orientadas a promover o uso da lingua galega na infancia e na mocidade, dende unha óptica lúdica e coa implicación do Centro de Día e da comunidade educativa dos diferentes centros escolares do municipio.
Certame poético visual
No marco desta celebración, o Concello de Carnota convocou un certame dirixido ao alumnado de educación primaria, baixo o título "Concurso de Poesía Visual: Versos Ilustrados de Lois Pereiro", co que se pretende divulgar a obra do poeta. A entrega de premios terá lugar o venres 13 de maio ás 11:00 h, nun acto que culminará cunha actuación circense a cargo de Duende Sico.
A figura de Lois Pereiro centrará tamén unha presentación audiovisual dirixida ao colectivo da terceira idade, que terá lugar o mesmo venres 13 de maio, ás 16:30 h, na Axencia de Lectura Municipal. Un grupo de usuarias e usuarios de Centro de Día de Pedramarrada participarán nesta actividade, que lles permitirá achegarse á traxectoria vital e literaria do poeta monfortino.
Ademais, o xoves 12 de maio o alumnado de educación infantil de todos os colexios do concello gozará do espectáculo A Casiña de Cartón, baseado nun conto Concha Blanco. A obra, musicada e teatralizada por Animar-T, representarase ás 11:00 h no Salón de Actos da Casa do Concello.
Obradoiros
Dúas actividades dirixidas á mocidade completan a programación. Trátase dos obradoiros Despois de Lois, eu e Creación de Curtametraxes, que impartirá a empresa Reverso Comunicación, Cultura e Lingua. Ambas as actividades iniciaranse na primeira semana de maio e nelas participarán alumnas e alumnos do IES Lamas de Castelo.
Despois de Lois, eu é un obradoiro de dinamización lingüística e creación literaria orientado a divulgar a obra do autor e o contexto histórico e cultural no que se desenvolveu a súa traxectoria vital e literaria, fomentando a creatividade de base en galego como forma lúdica de galeguización.
O Obradoiro de Creación de Curtametraxes está orientado a achegar as novas tecnoloxías á mocidade e fornecerlles ás persoas participantes coñecementos ligados co audiovisual en lingua galega. No desenvolvemento da actividade promoverase a reflexión sobre os prexuízos existentes na sociedade arredor da lingua galega e os seus falantes, amosarase a idoneidade do uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías e divulgaranse experiencias audiovisuais pensadas e desenvolvidas en galego.