Carnota dinamiza o galego con música e contos entre a mocidade e a infancia
Completo programa “Maio, mes das Letras” de 2023, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Nesta edición, conforman o programa un conxunto de actividades de dinamización lingüística e cultural concertadas cos centros de ensino do municipio e dirixidas ao alumnado das diferentes etapas educativas.

Música e lingua | Zënzar
Faladoiro e espectáculo de música en directo con Paco Cerdeira e Laura Romero, integrantes da mítica banda galega de rock Zënzar, que farán un repaso pola música contemporánea cantada en galego, analizarán o papel da muller nela e debullarán coa rapazada toda a información necesaria para entender a importancia da lingua como elemento nuclear e dinamizador da cultura propia.
A actividade está dirixida ao alumnado do IES Lamas de Castelo e terá lugar o venres 12 de maio, durante a xornada escolar, no propio centro de ensino.
Soñando inventei | María Faltri e Jorge Juncal
Concerto de música infantil en lingua galega baseado no libro-disco Fantasía coas palabras, editado por Galaxia. María Faltri e Jorge Juncal tráennos unha proposta para aprender o abecedario galego dunha forma orixinal e divertida, cun repertorio que ademais aborda o tema da diversidade e a igualdade de xénero.
Este espectáculo está dirixido ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Plurilingüe de Carnota e do CEIP Plurilingüe do Pindo e terá lugar o xoves 18 de maio ás 11:30 horas, no salón de actos do Concello de Carnota.
Unha Galaxia chea de Letras Galegas | Caxoto (A Trastenda dos Contos)
Espectáculo teatral dirixido ao alumnado de Educación Primaria dos centros de ensino do municipio no que a rapazada, guiada polo contador Caxoto, realizará unha viaxe sideral para coñecer a Francisco Fernández del Riego e a outras das estrelas máis rutilantes da historia da literatura galega.
Esta actividade realizarase o luns 22 de maio, en horario escolar, con dous pases, un no CEIP Plurilingüe de Carnota e outro no CEIP Plurilingüe do Pindo.
Que animaliño é? | Trémola Teatro
Teatro sensorial para bebés de 0 a 3 anos, dirixido ao alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul de Carnota. Da man da compañía Trémola Teatro, as crianzas gozarán dunha emocionante aventura que lles permitirá identificar os animais e coñecer os seus nomes en galego e explorar cos sentidos o mundo que os rodea.
O espectáculo representarase o venres 26 de maio, en horario lectivo, nas instalacións da Escola Infantil A Galiña Azul de Carnota.